mércores, 18 de maio de 2016

PREMIADOS NOS CERTAMES LITERARIOS DAS LETRAS GALEGAS

Un ano máis, e como vén sendo habitual nos últimos anos, os nosos alumnos acadaron un enorme éxito no Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez e no Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro que organiza o concello de Verín co gallo das Letras Galegas.
Primaria: 
    - Primeiro premio poesía: Paula Rodríguez e Silvia Calviño co poema titulado "Galiza"
   - Primeiro premio relato: Paula Rodríguez e Silvia Calviño co texto titulado "Abú"



1º/2º ESO:
     - Terceiro premio poesía: Carla Vaz Montero
3º/4º ESO:
     - Terceiro premio relato: Arancha Merodio
     - Segundo premio relato: Esther Santiago
   - Primeiro premio relato: Lucía Rodríguez co texto titulado "A cegas"

      - Segundo premio poesía: Esther Santiago
Parabéns tamén ós finalistas: Alicia, Hugo, Naiara, Nuria, Daniel, Inés, Iria, Lara, Noa e Unai.

domingo, 15 de maio de 2016

VISITA DE ELENA GALLEGO ABAD

O xoves día 12 de maio contamos no noso colexio coa presenza de Elena Gallego Abad, a autora da saga literaria con máis éxito entre os mozos galegos na actualidade; a saga de Dragal
Primeiro introduciu ós nosos alumnos de 3º e 4º de ESO no mundo dos dragóns: “Poucos personaxes de lenda se manteñen vivos na memoria colectiva como estes seres, que rozan a divindade. En todo o mundo, en todas as épocas, existen lendas sobre esta figura, destacada nos textos sagrados e na iconografía universal.”
Logo falounos da xénese e do futuro da saga Dragal. Un futuro no que prevé varios libros máis, adaptacións para videoxogos e incluso películas.

Despois de responder ás múltiples preguntas dos nosos alumnos, encantados coa presenza da autora, esta aínda tivo uns minutos para asinarlles o libro.










domingo, 6 de marzo de 2016

Marilar Aleixandre ocupará na RAG a cadeira de Neira Vilas


«O primeiro relato que escribín, un conto sobre vampiros, foi o xérmolo de Agardando polos morcegos, pero tardei bastante en publicar A formiga coxa». Isto conta na súa autobiografía Marilar Aleixandre(Madrid, 1947) a escritora que ocupará na Real Academia Galega a cadeira do falecido Xosé Neira Vilas. A candidatura da escritora, premio Xerais 2001 por Teoría do Caos, foi aprobada onte no plenario da RAG. Desde a Academia salientan que como bióloga e experta en educación, «Marilar Aleixandre foi pioneira no uso do galego como lingua vehicular no ensino das ciencias: foi coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais en galego e doutros moitos materiais, itinerarios, artigos e ensaios sobre o ensino das ciencias». Na actualidade «a súa liña de investigación é a argumentación, o uso de probas e o pensamento crítico no ensino das ciencias, mediante análise do discurso», din desde a RAG. A escritora tamén contou: «Aprendín a escribir -ademais de lendo- redactando panfletos e artigos para revistas de partidos clandestinos (todos canda eu estudaba)».
A RAG tamén convocou onte a vacante de Xosé Fernández Ferreiro, falecido o 16 de decembro.
Fonte: "La voz de Galicia" 6 de marzo 2016

mércores, 24 de febreiro de 2016

DÍA DE ROSALÍA

O 24 de febreiro, día do nacemento da escritora, celébrase o Día de Rosalía.

 Rosalía de Castro  naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro nunha casa do Camiño Novo (hoxe Rosalía de Castro). Filla de María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía (1804-1862) fidalga vida a menos, e do sacerdote José Martínez Viojo (1798-1871).

Desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, Rosalía de Castro mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal. 
Manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro 2016
21/2/2016
Manifesto
da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
no Día de Rosalía de Castro 2016


Rosalía libre e sen medo ningún

Non podemos saber como sería hoxe Rosalía de Castro. Ou si: sería como era, como foi, como segue a ser, como é Rosalía. E como é Rosalía, que agora non o podemos saber?

Sabemos, sabemos. Sabemos que foi verdadeira, que viviu toda a súa vida con verdade e que foi unha persoa libre, e sabemos que a liberdade hai que pagala e por iso a súa vida foi dura.
Non hai liberdade se a palabra non é libre, e por iso ela escribiu sen medo ningún para combater «aos que sen coñecemento algún nin razón, nos desprezan, que a nosa lingua non é aquela que bastardean e chapurran nas máis ilustradísimas provincias, cun riso de mofa.» A súa preocupación polo país nacía dun orgullo profundo de ser galega, «o máis triste nesta cuestión é a falsedade con que fóra de aquí pintan así aos fillos da Galiza como da Galiza mesma.»

Escribiu poesía, e a poesía abrázao todo: a alegría, a esperanza, a dor..., e tamén a denuncia da opresión, e tamén as proclamas da política da liberdade. Nos seus versos cabe a liberdade da Galiza e tamén a xustiza social que reclama para todos os «desherdados», mesmo explicitamente para os traballadores: «Obreros incansables, yo os saludo.»

E se escribía sobre os demais, os demais que sufrían, era porque o sentía. Toda a súa poesía é lírica; non nace das ideas, que nace dos sentimentos, afectos e emocións da autora.

E todo o que ela sentía e toda a xente que ela sentía como súa, habitaba dentro dun mundo vivo todo el. Poucas veces a natureza aparece tan constantemente, rodeando e envolvendo a vida toda. As augas, as árbores, as plantas, os ceos, un mundo vivo e activo, ás veces amábel e familiar:

Baixo a prácida sombra dos castaños
do noso bon país
baixo aquelas frondosas carballeiras
que fan dose o vivir;
cabe a figueira da paterna casa
que anos conta sin fin,
qué contos pracenteiros, que amorosas
falas se din alí!

E, cando dentro dela lle nace unha pena, sempre ten a certeza de que aí fóra hai uns ceos claros onde mora a esperanza:

No ceo, azul crarísimo;
no chan, verdor intenso;
no fondo da alma miña,
todo sombriso e negro.


Ninguén lle quite a Rosalía o que Rosalía dixo e foi: «Solo cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios.» Ninguén diga que foi muller encollida ou, sequera, vencida. Non escribía con tinta, que escribía con sangue: «Mollo na propia sangre a dura pluma.»

Estaba posuída por unha forza e unha ansia sen igual. E comezou a vivir a vida con esa alegría, foi unha moza destemida que desafiou as convencións feitas para encerrar as mulleres «pues siempre cuando yo paso/ de mí murmuran y exclaman.» Desde o principio quixo ser escritora, muller escritora, e enfrontouse ao destino que tiñan as mulleres da época desde que nacían simplemente por naceren mulleres: «desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud.» E desde moi nova decidiu ser creadora e fixo por selo, fixo por ser muller escritora. E foino, contra todo e contra todos.

Acabou sendo querida pola xente que ela máis quería, a xente humilde que fixo dela unha bandeira, unha estreliña de esperanza. «¡Ai, dos que levan na frente unha estrela! ¡Ai, dos que levan no bico un cantar!», dixo dela o noso Curros. Mais non puido evitar tropezar coas paredes da realidade social, non puido ter o éxito como novelista profesional que arelaba. Encerrada na casa, criando a súa rolada de fillos, atravesada pola dor da perda dalgúns deles, acabou a súa vida como o que foi, unha escritora a riscar papeis «na gran sala» da súa casa.

 Non conseguiu en vida o recoñecemento que merecía mais non foi vencida, chegou aos seus últimos días coa arma de escritora na man. Rosalía viviu libre e campa aínda libre arredor de nós, é unha sombra clara que nos anima a vivir en liberdade sempre. Sempre libres, sempre en Galiza, a nación de Rosalía. «O noso bon país», di ela.



Suso de Toro
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
Panteón de Galegos Ilustres, 21 de febreiro de 2016

luns, 22 de febreiro de 2016

HOMENAXE A XOSÉ NEIRA VILAS

Os alumnos de 2º de ESO do noso Centro realizaron na materia de lingua e literatura galega uns traballos- homenaxe  a un dos autores máis importantes da historia da nosa literatura, Xosé Neira Vilas. 











martes, 12 de xaneiro de 2016

As 100 palabras en galego para designar a choiva

Por Eduardo Rolland 04/01/2016 / GALICIENCIA

O galego ten moitas palabras para designar a choiva... ou a chuvia.

Existe a crenza de que os esquimós inuit teñen centos de palabras distintas para designar a neve. Pero é falso. A falacia foi propalada polo antropólogo estadounidense Franz Boas en 1911. En realidade, as linguas inuit son polisintéticas, co que crean longas palabras que funcionan como frases completas. E por iso só teñen dúas raíces léxicas ou ‘palabras’ para a neve: ‘ganik’, para os copos no aire; e ‘aput’, para a que se acumula no chan. Que logo, cando se escoitan, parezan longas palabras só responde a que lle suman afijos que en galego serían adxectivos ou preposicións como ‘branca neve’, ‘neve a derreter’ ou ‘neve en po’.

O paraugas para a chuvia.
O paraugas para a chuvia.
Así que non é certa a lenda dos esquimós e a palabra neve. Pero si é verdade que os galegos teñen máis de cen palabras para designar a choiva, das que 61 a denominan directamente. As razóns resultan bastante obvias.
Hai xa algúns anos, a catedrática de Filoloxía da Universidade de Santiago Elvira Fidalgo identificou as palabras para a choiva en Galicia, tras enquisas en máis dun cento de parroquias e localidades das catro provincias galegas, Asturias, León e Zamora. “É lóxico que unha poboación que vive inmersa na choiva busque mil conceptos sacados das imaxes máis variadas para nomear aquilo que está presente na súa vida, e din que tamén no seu espírito”, reflectiu no seu estudo Elvira Fidalgo.
Termos gregos como ‘boreas’ ou do latín, como ‘pulvis’, están na orixe destas palabras
Para denominar a choiva de pouca intensidade, o orballo, en Galicia poden utilizarse os termos orballo, orballeira, orballada; chuvisco, chuviscada, chuviña, relacionadas co latín ‘pluvia’. Pero tamén babuxa, babuxada, barruxeira, barruxada, barruceira, que estarían relacionadas co termo grego “Boreas”, vento do norte, e que traería a auga; outras como poalla, poalleira, poallada están creadas sobre o latín “pulvis”, que evolucionou en latín vulgar ata dar “po” en galego, e que está na base desas palabras ao comparar a choiva de pingas moi finas coas partículas de po en suspensión.
Para a denominación de choiva forte, ademais dos mencionados, o galego emprega sobre todo os derivados do latín “turbo”, que ndicaba calquera tipo de obxecto impulsado cun movemento circular. E será esta idea a que se asocie á choiva para crear palabras como trebón, torbón, treboada, torboada. Termos como borrascada foron creados sobre o mesmo “boreas”, ao que se lle engadiu un sufixo intensificador.
E en contra do que moitos pensan, unha ‘chuvieira’ non é unha choiva feble, senón que se aplica cando chove con forza, aínda que por pouco tempo.
Ás palabras propias para a choiva en galego, hai que engadir as expresións formadas con máis un elemento que indica gran cantidade, por exemplo “chover a caldeiros”, “chover a ballón”, “caer (a auga) a barullo”, “a cichón”, “a choupón”.

Aquí tes 61 palabras para dicir choiva en galego

Para resumir aquí están 61 palabras galegas distintas para denominar a choiva. E outras dezaseis máis relacionadas co mesmo concepto:
Para chuvia febleBabuña, Babuxa, Barbaña, Barbuza, Barrallo, Barrufa, Barruñeira, Barruzo, Borralla, Breca, Chuvisca, Chuviscada, Chuviñada, Froallo, Lapiñeira, Marmaña, Orballo, Parruma, Parrumada, Patiñeira, Patumeira, Poalla, Poallada, Poalleira, Poallo, Zarzallo…
Para chuvia forteArroiada, Ballón, Basto, Bátega, Bategada, Cebra, Cebrina, Chaparrada, Chuvascada, Chuvasco, Chuvieira, Cifra, Ciobra, Dioivo, Treixada, Xistra, Zarracina…
Cando hai raios e tronosTreboada, Torboada, Torbón, Trebón…
Se vén con neve e xeoAuganeve, Cebrina, Cebrisca, Escarabana, Nevada, Nevarada, Nevareira, Nevarío, Nevisca, Nevarisca, Pedrazo, Salabreada, Sarabiada, Torba…
Cando remata de choverAmizar, Delampar, Escambrar, Escampar, Estear, Estiñar, Estrelampar…
E cando hai condensación de auga: Borraxeira, Borraxoia, Brétema, Cegoña, Fuscallo, Néboa, Neboeiro, Nebra, Zarrazina…