xoves, 11 de maio de 2017

MALETAS VIAXEIRAS / BANDA DESEÑADA


Esta actividade, dirixida aos alumnos de ESO, foi organizada desde o Equipo da Biblioteca Escolar e o EDL e ten como obxectivo fundamental o estimular a lectura de cómics de calidade entre os alumnos de secundaria do centro, converténdoo no xénero literario protagonista durante os quince días que a maleta (prestada desde a Consellería de Educación)  estea nas nosas mans.
            “ E velaquí o decisivo dos cómics, o ser un medio narrativo, o servir para contar historias. O que o distingue dos outros medios cos que está emparentado é o contalas dun xeito peculiar e propio, empregando unha linguaxe e uns códigos específicos, e que se basea nunha síntese de linguaxes verbal e icónica.” 
Agustín Fernández Paz









"Se ti les, eles len"

 Como ben sabedes o noso Colexio é un dos dez centros concertados de Galicia que conseguiu entrar no PLAMBE (Plan de mellora de bibliotecas escolares) que promove a Xunta de Galicia e no que tamén están incluídos 605 públicos.
Unha das accións que consideramos prioritarias no noso proxecto de Biblioteca escolar é a implicación das familias na formación de persoas lectoras, por iso ademais das “mochilas viaxeiras” (e coa colaboración do Equipo de Dinamización Lingüística) tamén decidimos crear este espazo no que teredes á vosa disposición material da biblioteca para que poidades facer uso del nas vosas visitas ó centro.

Esperamos que esta iniciativa sexa do voso agrado e lembrade o lema da actividade: “SE TI LES, ELES LEN”







mércores, 26 de abril de 2017

HOMENAXE AGUSTÍN FDEZ. PAZ

HOMENAXE A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Os alumnos de 3º de ESO do noso centro, en colaboración co EDL e a Biblioteca Escolar, realizaron unha homenaxe a un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto do Estado, que faleceu en xullo do ano pasado. Foi autor de máis de cincuenta títulos e os seu libros están traducidos a varias linguas: castelán, catalán, éuscaro, portugués, coreano, búlgaro, inglés, chinés, árabe, francés e italiano. Os seus libros obtiveron numerosos premios e gozan do aprecio de milleiros de lectores; Cartas de inverno, superaba xa no ano 2016 os cen mil exemplares vendidos.


Cada alumno escolleu un libro do autor homenaxeado e logo de lelo, fixo un comentario crítico do mesmo; por outro lado a través do traballo cooperativo analizaron a vida e a obra do autor de Vilalba. Poderedes ver unha mostra destes traballos nos corredores do centro e na propia biblioteca. Seguro que despois de ler as valoracións dos compañeiros de 3º de ESO, moitos outros alumnos do Centro  vanse animar a  descubrir os mundos creados por este magnífico escritor.











                

domingo, 5 de marzo de 2017

Batalla xudicial pola «Lela» de Castelao

A Audiencia de Santiago obriga a reabrir a investigación sobre quen é o autor da música que adaptou os famosos versos incluídos en «Os vellos non deben de namorarse»
Lela é nome de muller. Concretamente, da moza pola que perdeu a cabeza o boticario Saturio da obra de teatro Os vellos non deben de  namorarse escrita por Castelao. Na páxina 6 desa peza concibida durante o seu exilio arxentino e estreada por primeira vez en Galicia o 25 de xullo de 1961 na praza da Quintana de Santiago, o maduro namoradizo canta a un tempo cos seus colegas unha canción que se converteu en hit na voz de Doce Pontes e a gaita de Carlos Núñez.
Os que quizais son os versos máis afamados de Castelao foron musicados por Rosendo Mato Hermida (Vilalba, 1914-Santiago, 1994) precisamente para a estrea galega de 1961. Así está rexistrado na Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) e antes, en 1977, no Rexistro Xeral da Propiedade Intelectual. Con todo, ao redor da autoría da música que fixo universal á Lela de Castelao líbrase agora mesmo unha batalla xudicial que tivo o seu primeiro acto en decembro do 2006. A cantante viguesa Eva Carreiras participaba en Operación Triunfo e estaba moi cuestionada no programa. Nun momento dado, o presentador deu paso a unha mensaxe que quedara gravado no contestador automático da cadea e que dicía: «Eva, é para darche ánimos e que traballes, Fai caso das indicacións que che fai o xurado. Son Miguel, de Santiago, o compositor da canción Lela. Ánimo»
Os ollos de Eva Carreiras abríronse como pratos e da súa boca só saíu un «ala» de sorpresa porque ela xa cantara Lela antes en público. «É unha canción moi coñecida na túa terra?», preguntáronlle, e ela lanzouse a capela. A súa voz e o poderío destes versos creou un momento máxico para moitos pero xeou o corazón da filla de Rosendo Mato Hermida. A indignación de María Dores Mato Gómez chegou ao grao máximo cando poucos días despois, o 12 de xaneiro do 2007, o programa Luar da TVG presentaba como primicia ao autor daquela mensaxe telefónica como o teoricamente descoñecido compositor da música de Lela. José Miguel Santiago Sánchez ratificouse en directo en que aquela marabillosa música era obra súa e os herdeiros de Matogueira Hermida decidiron protestar ante a Televisión de Galicia, que rectificou na seguinte edición de Luar, o 23 de febreiro.
Para resolver o asunto, María Dores Mato presentou unha querela nos xulgados de Santiago que caeu sobre a mesa de Ana López-Suevos, unha maxistrada con recoñecida sensibilidade pola cultura galega que é das poucas que emite todas as súas resolucións xudiciais na lingua de Rosalía. Con todo, o pasado 22 de agosto, a xuíza optou por arquivar a denuncia e contou co apoio da Fiscalía compostelá, que se opuxo ao recurso de apelación que presentou a filla do que nos anos 70 rexistrou a música de Lela ao seu nome.
A sala estima que pode haber un delito de plaxio e non só un caso civil. No auto polo que a Audiencia Provincial obriga a reabrir a investigación sobre a autoría da música de Lela, a sala admite que a querela interposta pola filla de Rosendo Mato non é «precisa», pero advirte que, dado que a composición aparece inscrita a nome do seu pai no Rexistro da Propiedade Intelectual «debe aclararse cal é o título que ostenta José Miguel Santiago Sánchez para atribuírse a condición de autor da canción e para comunicalo publicamente». Se a denunciante tivese razón e o denunciado carecese de ningún título válido, a sección compostelá do tribunal entende que podería existir un delito de plaxio. «Trataríase así de algo máis que unha simple controversia civil sobre dereitos de propiedade intelectual», conclúe o maxistrado.
Xurxo Melchor. La voz de Galicia 05/03/2017

xoves, 16 de febreiro de 2017

É TEMPO DE ENTROIDO!

DESDE O EDL DO CENTRO SAUDAMOS A CHEGADA DO ENTROIDO CUNHA EXPOSICIÓN DE TRABALLOS REALIZADOS POR ALUMNOS DE 3º ESO SOBRE OS PERSONAXES E OS RITUAIS PROPIOS DALGÚNS DOS PRINCIPAIS ENTROIDOS OURENSÁNS.

















xoves, 9 de febreiro de 2017

A Lavacolla chamarase Rosalía de Castro, que tamén terá un avión coa súa imaxe

A compañía Norwegian presentou o sexto dos seus avións dedicado a un personaxe da historia e as artes de España, neste caso a escritora e matriarca das letras galegas Rosalía de Castro.
Con ela, segundo informa a compañía, xa son seis as figuras da historia e literatura españolas que adornan os avións de Norwegian. En concreto, trátase dos navegantes Cristóbal Colón e Juan Sebastián Elcano, os autores Miguel de Cervantes e Gloria Fuertes, e a sufraxista Clara Campoamor.
O avión que levará a figura de Rosalía de Castro será un novo Boeing 737-800, de 186 prazas. A montaxe da imaxe da autora galega, que "se xerou durante meses", segundo informa a compañía aérea, levarase a cabo no hangar de Norwegian en Oslo durante o próximo mes de marzo.

Aeroporto Rosalía de Castro
A noticia tamén chega á vez de que o ministerio de fomento confirmase que o nome da escritora de Padrón estaría incluído no nome do aeroporto da capital do país. O ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, anunciou este martes que iniciará os trámites para engadir o nome Rosalía de Castro ao aeroporto de Santiago de Compostela, tal e como lle solicitara o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na reunión que mantiveron na sede ministerial de Madrid, despois de que o pleno de Santiago aprobara a petición.
O cambio de nome conta co consenso dos partidos políticos en Galicia e, en concreto, do Concello de Santiago onde goberna Compostela Aberta, a proposta da cal finalmente frutificou nunha declaración institucional que apoiaron todas as formacións políticas da corporación municipal.
"Parécenos moi razoable", afirmou De la Serna ante Feijóo na conferencia de prensa posterior ao encontro que ambos os dous mantiveron, ao respecto do que precisou que, se prospera esta iniciativa, o aeroporto da Lavacolla pasaría a denominarse Santiago-Rosalía de Castro, en homenaxe á célebre poeta.