luns, 2 de abril de 2018

María Victoria Moreno Márquez

Real Academia Galega


María Víctoria Moreno Márquez. Imaxe cortesía da editorial Galaxia

"Eu non son alófona porque o que practico, se é que escribo, podería definirse coma unha amorosa autofonía (…). A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor", declaraba María Victoria Moreno, en 1993, no congreso "Poetas alófonos en lingua galega". Dúas décadas atrás, a autora publicara Mar adiante (Edicións do Castro, 1973), o seu primeiro libro en galego (ilustrado por ela mesma), un ano despois de gañar con Crarisa e o luceiro o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís do Facho. Con esta primeira novela, a profesora de orixe estremeña convertíase nunha das voces pioneiras da narración en galego destinada ao público máis novo, ao que dedicaría tamén boa parte da súa produción literaria posterior con notable recoñecemento tanto da crítica como do público.
Outro título destacado na súa traxectoria, Anagnórise (Galaxia, 1989), é un dos maiores éxitos da literatura xuvenil na nosa lingua: a novela foi incluída na listaxe de honra do IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil) en 1990 e chegaron a se editar en poucos anos vinte edicións. Pero o seu libro preferido era Leonardo e os fontaneiros(Galaxia, 1986), co que gañou o terceiro premio O Barco de Vapor de 1985. Con Gedellas de seda e liño (1999), outra das historias nas que demostra a súa capacidade de chegar ao público adolescente, entrou na prestixiosa listaxe internacional de White Ravens 2002. Un par de anos despois sairía do prelo Diario da luz e a sombra (Xerais, 2004), onde reflectiu a experiencia da enfermidade que acabou pouco despois coa súa vida, o 21 de novembro de 2005.
María Victoria Moreno soubo tamén transmitir a paixón pola lingua e a literatura como profesora, tanto nas clases de lingua galega semiclandestinas que impartía gratuitamente nos anos 70 en Pontevedra (Asociación de Amigos da Cultura, 1971-1974), Vilagarcía de Arousa (1973-1975) ou Ourense (Ateneo, 1974-1975) como nas oficiais de Lingua e literatura españolas que deu durante décadas no ensino secundario. Polas primeiras, en concreto as impartidas no Ateneo de Ourense, a Policía de Pontevedra chegou a retirarlle o pasaporte a comezos de 1975 por entender que esta institución estaba gobernada por dirixentes subversivos.
No instituto de Lugo orientou as inquedanzas lingüísticas e literarias dun dos seus alumnos, Xesús Rábade Paredes, promovendo a edición do seu primeiro libro de poemas, que lle prologou. Tras un par de anos nesta cidade e mais un tempo en Vilalonga (Sanxenxo), volveu a Pontevedra, onde seguiu engaiolando a xeracións de rapaces e rapazas, primeiro no instituto Valle-Inclán e despois no Torrente Ballester, ao que lle legou a súa biblioteca persoal.
No eido educativo asinou, ademais, libros de texto que aínda hoxe se consultan: foi coautora de Literatura [galega]. Século XX, para COU (Galaxia, 1985), e de Literarura [galega], para 3º de BUP (Galaxia, 1987). As linguas de España e Verso e prosa (Xunta de Galicia, 1991) son outros exemplos do seu traballo rigoroso no eido da didáctica. E tamén cómpre lembrar que foi mestra de mestres en cursos como os que impartiu sobre literatura galega para docentes a comezos dos 80.
A tradución é outro terreo no que María Victoria Moreno realizou achegas destacadas. Verteu obras desde o catalán, idioma co que dialogaba como filóloga e poeta, e realizou as traducións aos castelán da antoloxía bilingüe Os novísimos da poesía galega (Akal, 1973), escolma que preparou e prologou ela mesa con poemas de Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Fiz Vergara Vilariño ou Xesús Rábade. Cómpre tamén lembrar outras facetas da autora, como a de libreira en Pontevedra, onde abriu xunto a outros intelectuais, en 1968, a libraría Xuntanza, unha trincheira máis para promover a literatura e espallar os libros. No eido editorial, foi ademais codirectora da colección infantil de Galaxia, Árbore, desde o seu inicio.
Marina Mayoral, académica de honra
Alén da elección da figura literaria que protagonizará o Día das Letras Galegas de 2018, na sesión plenaria da RAG de hoxe nomeouse académica de honra a Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942). Catedrática xubilada da Universidade Complutense de Madrid, novelista e columnista premiada, é autora dun caudaloso labor rosaliano co que levou o nome da escritora fundacional das letras galegas a tribunas académicas de todo o mundo. A súa primeira grande achega é a súa tese de doutoramento, La poesía de Rosalía de Castro (Madrid, Gredos, 1974), prologada polo profesor Rafael Lapesa, á que seguiron outros estudos e edicións de diferentes títulos da escritora. O universo literario de Emilia Pardo Bazán débelle tamén edicións e investigacións que a converten nunha das grandes autoridades na autora coruñesa.
Como narradora, é autora de máis de vinte títulos. Algúns deles, publicados orixinalmente en galego, ademais de moi reeditados, foron traducidos a varios idiomas: Unha árbore, un adeusChamábase LuísTristes armasQuen matou a Inmaculada Silva?
Sete novos académicos e académicas correspondentes
Na sesión plenaria deste sábado cubríronse ademais sete vacantes de correspondentes. Serán ocupadas por Takekazu Asaka (Toquio, 1952), profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Tsudajuku, autor da primeira gramática galega para xaponeses e tradutor ao xaponés de Rosalía e outros autores das nosas letras; Marcos Bagno (Cataguases – Brasil, 1961), profesor da Universidade de Sao Paulo, recoñecido lingüista e defensor dunha nova visión do portugués, en que subliña a súa orixe galega; Olga Castro (Lugo, 1980), profesora de estudos de tradución da Universidade de Aston (Birmingham) e especialista na interacción entre xénero, linguaxe e tradución; Helena González Fernández (Comesaña – Vigo, 1967), profesora titular de lingua galega e directora do Centre de recerca ADHUC-Teoria, Gènere, Sexualitat da Universidade de Barcelona; Kirsty Hooper, profesora de Estudos Hispánicos da Universidade de Warwick (Coventry, Reino Unido), coordinadora do Hispanic Liverpool Project e tradutora de Cousas de Castelao; a escritora Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940), unha das autoras pioneiras da literatura galega para infancia e tamén unha das primeiras profesoras de Lingua e Literatura Galega no ensino secundario; e Helena Zernova (San Petersburgo, 1951), directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo e tradutora ao ruso das obras máis senlleiras da nosa literatura.

Real Academia Galega

domingo, 25 de febreiro de 2018

VISITA DE LEDICIA COSTAS



Ledicia Costas, autora de O Corazón de Xúpiter, estivo no noso centro o pasado martes vinte de febreiro para falar co alumnado do seu libro. Este agocha unha crítica ó mal uso das redes sociais velado baixo a historia dunha adolescente, apaixonada das estrelas, que cre atopar a alguén con quen falar na rede e de quen se namora. A través do desenlace da novela, Ledicia lanza unha advertencia, un retrato verídico que fai da sociedade e que plasma, dende os ollos inocentes da protagonista, os trazos de realidade que o seu público tratou durante a charla.

                Noelia Gallego (4º ESOB)








xoves, 22 de febreiro de 2018

CONCURSO EDITORIAL GALAXIA

A Editorial Galaxia lanza o seu segundo Reto Lector para fomentar a lectura en galego entre os adolescentes

Enviando dous vídeos nos que comenten obras da editorial as mozas e mozos poden gañar un Ipad de última xeración


A Editorial Galaxia lanza estes días a segunda edición do seu Reto Lector destinado a fomentar a lectura entre os máis novos. Despois do éxito da primeira convocatoria en marzo de 2017, na que con apenas dous meses de prazo para participar se recibiron 35 vídeos enviados por rapazas e rapaces de toda Galicia, Galaxia persiste no seu empeño en conseguir que a mocidade se achegue ao sistema literario integrándose nel como críticos, lectores...
Nesta segunda edición, poderán presentarse ao premio as rapazas e os rapaces de entre 12 e 16 anos. Para participar, só terán que enviar ao enderezo electrónicogalaxia@editorialgalaxia.gal dous vídeos nos que se dea conta da lectura de dous libros da Editorial Galaxia de calquera das súas coleccións de narrativa para todas as idades: Árbore, Costa Oeste e Literaria. Os vídeos non poderán exceder os dous minutos de duración.
Durante eses dous minutos, os participantes deben comentar o contido da obra, os aspectos que máis lles gustaron e as razóns polas que recomendarían a súa lectura. O xurado estará composto polo alumnado da ESO dun centro galego designado pola editorial, e será quen valore todas as propostas fixándose principalmente no poder de persuasión dos participantes, na súa claridade expositiva e na creatividade da gravación.
A rapaza ou rapaz gañador recibirá un Ipad de última xeración. Ademais, haberá cinco lotes de libros coas últimas novidades da Editorial para os cinco seguintes clasificados. O prazo de entrega dos vídeos estará aberto ata o día 27 de abril, e o fallo do xurado farase público no mes de maio.
A través desta iniciativa, a Editorial Galaxia pretende fomentar a lectura en galego nun sector clave da nosa sociedade: os adolescentes. Para facelo, proponlles aos participantes que tiren rendemento das ferramentas dixitais e do seu potencial como medios de transmisión e difusión lingüística e cultural, ao tempo que os anima a desenvolver o seu sentido crítico, mellorar a súa competencia oral e aprender a ver na literatura unha canle comunicativa.

Materiais para descarga:
 Bases
Agradeceríamos a súa difusión. Se necesitades máis información non dubidedes en contactar.

xoves, 15 de febreiro de 2018

"A derradeira lección do mestre" verase en Galicia por primeira vez


A derradeira lección do mestreun dos cadros máis simbólicos de Castelao, viaxará por primeira vez a Galicia. O óleo, que na actualidade se atopa no Centro Galicia de Bos Aires, formará parte dunha mostra sobre o artista e intelectual galeguista que se celebrará no Museo Centro Gaiás no último trimestre deste ano. Segundo anunciou onte a Xunta, a Consellería de Cultura chegou a un acordo para que A derradeira lección do mestre, que nunca saíu da Arxentina, poida exhibirse en Galicia. Esta cesión materializarase nun convenio que está previsto que sexa asinado neste mes de febreiro. Entrementres, xa se traballa na concreción das condicións técnicas do préstamo, para garantir a seguridade e profesionalidade do difícil traslado dunha obra destas características.


Castelao pintou este cadro no ano 1945 na Arxentina, onde se exiliara definitivamente despois da Guerra Civil. A sublevación de 1936 colleuno en Madrid, onde traballou para o goberno da República, tarefa que desempeñaría ao ano seguinte en Valencia. Foi aquí onde debuxou os dous primeiros álbums da guerra, Atila en Galicia e Galicia mártir. A este último pertence a estampa A derradeira lección do mestre, que máis tarde recrearía en óleo en Bos Aires. Castelao inspírase nun motivo clásico da historia da pintura, a do lamento ante o corpo de Cristo, transformado aquí no mestre asasinado e convertido en mártir polo bando fascista; no seu caso, son dous rapaciños os que amosan a súa dor ante o cadáver de quen foi o seu mestre.

                                                                    La voz de Galicia

domingo, 28 de xaneiro de 2018

CANCIÓN PARA O DÍA DA PAZ

"APERTAS QUE VOAN"
Mans brancas e cara negra,
teño os beizos vermellos.
Teño sentimentos novos,
ai, teño sentimentos vellos.
Mans negras e cara branca,
teño o meu peito cheo
de bicos e de sorrisos,
de apertas que voan no vento.
Porque ti es o meu amigo,
porque nos levamos ben,
porque ti es o meu amigo,
distinto e igual á vez.
Porque ti es a miña amiga,
porque nos levamos ben,
porque ti es a miña amiga,
distinta e igual á vez. (Retrouso)
Eu non quero ver fronteiras,
sempre me poño a pensar
en deixar a xanela aberta,
así pode entrar o ar.
Pintar o vento de cores,
deixar as palabras medrar
sen dar máis razoamentos
e así poder cantar.
(Retrouso)
Un camiño faise a pasiños,
un pasiño comigo has de dar,
ha de ser un camiño bonito
se imos xuntiños da man.
Non hai grandes nin pequenos,
e de feros non imos falar,
dáme unha man, compañeira,
que pouco nos ha de importar.

(Retrouso) (3 veces)

sábado, 30 de decembro de 2017

"AFOUTEZA", A PALABRA DO ANO

Afouteza é a Palabra do Ano 2017


Cun 48 por cento dos votos, afouteza é a Palabra do Ano 2017. Votaron por ela 3.004 persoas das 6.228 que participaron na elección. Independencia foi a seguinte en número de votos con 939 e sapoconcho a terceira con 830. Eucaliptización, teimudo, vaga de lumes, violencia de xénero e velutina completan, por esta orde, a táboa de posicións final.
O éxito de afouteza cociñouse ao longo de todo o ano 2017, xa que durante varios meses liderou a listaxe de palabras máis buscadas no Dicionario semana tras semana. Os medios de comunicación recolleron este dato, dando conta de que este interese por unha voz non moi frecuente na fala coloquial era debido á campaña do Celta de Vigo “Ensinémoslle ao mundo o significado da afouteza”, baseado nun verso do propio himno do club. A motivación dos e das seareiras pesou sen dúbida para que gañase a Palabra do Ano, pero entre os miles de votos que recibiu, non poucos se deberon ao poder semántico e á forma suxestiva desta palabra, cun contido e unhas implicacións que van máis alá do futbolístico.
Afouteza vén definida no Dicionario en dúas acepcións: pode referirse á disposición de quen actúa sen temor ás dificultades ou perigos ou á seguridade en si mesma que demostra unha persoa. Os dous significados están moi vinculados, é evidente, pero conservan un valor semántico específico e esta é a razón pola que se propoñen para cada un deles voces diferentes como sinónimos; para a ‘disposición do ánimo’, poden ser equivalentes animosidadeaudaciadenodoousadía e valor. Para a segunda acepción, a do ‘carácter firme e seguro’, os que se propoñen como termos relacionados, non estritamente sinónimos, son decisión e enerxía.
A orixe de afouteza atópase nun verbo latino, favere, que tiña por significado ‘favorecer’ ou ‘protexer’, e que os romanos usaban en principio no ámbito relixioso, para se referiren aos favores e á benevolencia dos deuses cos mortais. De favere e do seu supino fautumchegouse en romance a fouto e fouta, as formas primitivas do adxectivo. Logo na fala engadiuse unha vogal inicial de reforzo, e de aí afouto e afouta, é dicir, a persoa que “ten ou amosa afouteza”. Completan a familia léxica o adverbio afoutamente e mais o verbo afoutar(que pode ser tamén pronominal, afoutarse), cando lle damos ánimos ou valor a alguén, para realizar algo ou encetar unha empresa.
Afouteza está na lingua practicamente desde os inicios, como indica a súa presenza en documentos do século XIV. A primeira recollida lexicográfica fíxoa Juan Sobreira a fins do XVIII, na súa colección de termos. Di o padre Sobreira que “afouta” é a “persoa dilixente e activa nun traballo, manifestándose confiada no logro” e insiste “o que non desmaia, ou non manifesta desconfianza no que emprende” (adaptación da definición orixinal do frade bieito Sobreira, na súa colección lexicográfica de 1787-1805). Desde esa primeira notación, a palabra afouteza (ou no seu caso o adxectivo afouto-a) estivo presente sen interrupción nos dicionarios e glosarios históricos, incluíndo a primeira entrega do Dicionario da Academia(1913-1928), onde figuran asemade as variantes afoto –a e afoutado –a.
Mais a afouteza non é só unha palabra de dicionarios e dicionaristas, xa que aparece con certa regularidade en textos literarios e particularmente nos medios de comunicación, desde O Tío Marcos da Portela, pasando por A Monteira, a revista Nós e A Nosa Terra do comezo do XX entre outras. Neste espazo comunicativo, volve brillar nesta segunda decena do século XXI.
2017 foi o ano en que afouteza conquistou unha vida nova: saltou do campo de fútbol á rúa, da rúa aos medios e tamén se introduciu en textos de diferente tipo, espertando a curiosidade de quen non a coñecía e pasou a incorporala ao seu tesouro léxico persoal. A palabra, cun sólido fundamento histórico, foi nestes últimos meses gañando posicións no espazo da fala e o léxico vivo. O mellor resultado posible: un partido en que gaña a lingua!