sábado, 16 de maio de 2020

AS PALABRAS QUE MÁIS NOS GUSTAN DO GALEGO


Desta volta,  e para celebrar o Día das Letras Galegas, queremos  ser os profesores os que vos digamos cales son as palabras galegas que máis nos gustan. Xa vedes que hai un pouquiño de todo (substantivos, adxectivos, verbos e ata unha preposición). Elixidas pola súa sonoridade, ou ben polo poder evocador do seu significado, recollen todas elas a esencia do galego, xa que como di o himno das Irmandades da Fala creado por Manuel Lugrís: “Na fala galega vive a ialma da nosa terra”.

Coñeces o significado de todas elas?

As palabras máis repetidas foron: bolboreta, morriña e axóuxere.
O axóuxere é un obxecto sonoro que serve para entreter aos cativos. A propia palabra xa nos evoca o son que produce. 
E a morriña?- "sentimento e estado de ánimo melancólico e depresivo, en particular o causado pola nostalxia da terra".  Esta palabra sempre está asociada ó pobo galego quizais porque desde sempre fomos un pobo emigrante. Podémola relacionar con saudade,ese sentimento de perda ou nostalxia por algo vivido e que Rosalía expresaba tan ben nos seus poemas. Tamén se di que os galegos temos moita retranca (esa habilidade para falar con segundas intencións). Malia ( a pesar de ) estas calidades, tamén somos xente chea de ledicia  e moi agarimosa.
A paisaxe e a natureza achégannos palabras tan fermosas como póutiga (apóutega) que dá nome  a unha especie de planta parásita que é polinizada polas formigas e que ten como nome científico  Cytinus hypocistis. En galego existen numerosos nomes comúns para denominar a esta planta.

E mazacuca  (bugallo) que é unha reacción de defensa das árbores fronte a determinados insectos que depositan os seus ovos baixo a casca dos gromos novos dos carballos.

E se imos dar un paseo polo monte (moito coidao cos toxos) tamén podemos quedar abraiados polos rechouchíos (chío continuado)dos paxaros ou se vemos un vagalume ou un sapoconcho. Non tropeces cun pelouro (que, curiosamente, pode significar "pedra pequena e arredondada" ou "pedra grande").
E mentres chove miudiño ou caen unhas folerpas de neve, se es un fervellasverzas, é dicir, unha persoa que non para quieta, sempre podes dar pinchacarneiros polos prados, aínda que ao día seguinte teñas maniotas (dor que se sente nalgunha parte do corpo a causa do exercicio físico violento ou prolongado, pasado un certo tempo desde a realización deste)

Botamos a áncora, recollemos as ferramentas , subímolas nun guindastre e imos rematando confiados en que esta entrada do noso blog non che parecera unha trapallada.

BICOS


Vaia, vaia... deixaremos o ENTOIDO para outro día

venres, 1 de maio de 2020

CELEBRACIÓN DOS MAIOS 2020

Aquí tedes as coplas do noso centro elaboradas polo alumnado da ESO

Tamén os alumnos de 4º deprimaria quixeron celebrar os maios desde as súas casas.





venres, 28 de febreiro de 2020

"Lingua de namorar"

Lingua de namorar é un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos.
O obxectivo principal de Lingua de namorar, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e mais pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é dinamizar o uso da lingua galega entre os mozos e mozas nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente, na Internet e na mensaxería instantánea.
Resultado de imaxes para: lingua de namorar 2020
Podes ver as bases e anotarte na seguinte ligazón:
                   http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar

sábado, 11 de xaneiro de 2020

XORNADAS DE NOVELA NEGRA NA BIBLIOTECA DE VERÍN

       Os vindeiros 24 e 25 de xaneiro do 2020, a Biblioteca do Concello de Verín organiza unhas xornadas que tratarán sobre o xénero literario da Novela Negra.
Contaremos en Verín coas personaxes reais que normalmente aparecen nestas novelas, coma o Comisario de Policía, na  persoa de D. Enrique León Calviño, comisario de Vilagarcía, sobre o que se basea o inspector Dario Silva da famosa serie televisiva de Antena 3 “Fariña”; o Médico Forense na persoa de D. Fernando Serrrulla Rech; o Xuíz, na persoa de D. José Antonio Vázquez Taín (xuíz e escritor de novela negra); e coma non teremos ao escritor que compón unha trama cunha serie de personaxes, na persoa de D. Pedro Feijoo, autor de, entre outros, “Os fillos do mar” editorial Xerais e o “Un lume Azul” editorial Xerais.

Todas as conferencias terán lugar no Auditorio do Concello de Verín.
Máis información en: http://www.novelanegra.bibliotecadeverin.es

mércores, 18 de decembro de 2019

Unha estrela en Ofiúco chamada Rosalía de Castro


Finalmente a estrela HD 149143 levará o nome de Rosalía de Castro e o seu exoplaneta, Río Sar. Máis de 34.000 persoas participaron na votación online, e a opción de Rosalía foi claramente a máis apoiada entre as doce posibles.

A Unión Astronómica Internacional vén de anunciar nunha conferencia de prensa en París que a estrela HD 149143 levará por nome Rosalía de Castro, e o seu exoplaneta, Río Sar. A escritora galega foi a clara vencedora da votación en liña para elixir o nome desta estrela, acadando un 39% dos votos totais, uns 13.413 de 34.179.
Este procedemento para nomear astros forma parte do proxecto internacional impulsado pola Unión Astronómica Internacional (IAU) como parte das actividades de celebración do seu centenario. Dentro da campaña NameExoWorlds, asignóuselle a cada país, máis de 110 en total, un sistema formado por unha estrela e o planeta que a orbita para que se lle dera nome mediante participación cidadá. No caso español votouse entre unha ducia de propostas a través da web www.nombraexoplanetas.es. 
Por detrás de Rosalía e Río Sar ficou Tirant e Carmesina, con máis de 5.600 votos,  e os nomes dos amantes de Teruel,  Diego e Isabel, con máis de 4.500 apoios. En 2015 xa foi elixido con este mesmo método outra estrela que pasou a chamarse Cervantes, cos seus catro planetas: Quijote, Rocinante, Sancho e Dulcinea.
A proposta de Rosalía de Castro partiu da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, que utilizou o cancelo #EstrelaRosalía para a súa promoción en redes sociais. Ademais produciu paneis explicativos que rularon durante estes dous meses de campaña por centros educativos e culturais de todo o país. Tamén se repartiron dez mil folliñas informativas e 300 pósteres da campaña.
Estrela anana
A xa denominada “Rosalía de Castro” é unha estrela anana amarela parecida ao noso Sol situada a 240 anos luz de nós, na constelación de Ofiúco, o Serpentario. A súa magnitude relativa é 7,89, o cal a converte nun obxecto visible con prismáticos en ceos escuros. O exoplaneta HD 149143 b foi descuberto en 2005. É un xigante gasoso un pouco maior que Xúpiter que orbita a oito millóns de quilómetros da súa estrela: tarda só 4,1 días en dar unha volta completa arredor dela. En caso de que se descubran máis exoplanetas neste astro, a proposta inclúe outros topónimos asociados á vida e obra de Rosalía: Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria.
Rosalía de Castro (1837-1885) é a figura máis grande das letras galegas, mais é tamén unha das máis importantes escritoras en lingua castelá. A súa obra, sexa en galego ou en español, sexa no campo da poesía, da narrativa ou do ensaio, convértea nunha referencia universal. Foi unha escritora crítica con toda clase de inxustizas, grande defensora da natureza e indiscutiblemente feminista. Un tesouro cultural que traspasa xeracións, por iso Rosalía resulta sempre plenamente contemporánea e permanece viva na sociedade actual.
                                                            INFORMACIÓN: Fundación Rosalía de Castro

mércores, 13 de novembro de 2019

ENTREGA DE PREMIOS AOS GAÑADORES DO VI CONCURSO DE CABAZAS


ALUMNOS PREMIADOS NO VI CONCURSO DE CABAZAS DO SAMAÍN

A nosa directora, Gerarda Fidalgo, entrega o primeiro premio a Aldara e Kira, alumnas de 5º A de EP.

Entrega do segundo premio a Carlos e Héctor de 6º A de EP


Entrega do 3º premio Ex aequo aos alumnos de 5º A de EI, Leo e Lucas


MOITAS GRAZAS A TODOS OS PARTICIPANTES NO CONCURSO E PARABÉNS AOS PREMIADOS



AS CABAZAS DESPÍDENSE ATA O ANO QUE VÉN!

luns, 4 de novembro de 2019

AQUÍ ESTÁN AS CABAZAS GAÑADORAS!

Estes son os gañadores do VI Concurso de Cabazas do Samaín.

1º PREMIO: Aldara Fernández e Kira Fidalgo (5ºA de EP) coa cabaza número 18


2º PREMIO: Carlos Castro e Héctor Da Silva (6ºA de EP) coa cabaza número 36


3º PREMIO: Ex aequo para Lucas Antonio (5º A de EI) coa cabaza número 16


e para Leo García (5º A de EI) coa cabaza número 59


O xurado quere destacar o grande número de cabazas que participaron no concurso-exposición e a súa calidade. Graciñas ás familias pola vosa colaboración.