luns, 4 de abril de 2016
domingo, 6 de marzo de 2016
Marilar Aleixandre ocupará na RAG a cadeira de Neira Vilas
«O primeiro relato que escribín, un conto sobre vampiros, foi o xérmolo de Agardando polos morcegos, pero tardei bastante en publicar A formiga coxa». Isto conta na súa autobiografía Marilar Aleixandre(Madrid, 1947) a escritora que ocupará na Real Academia Galega a cadeira do falecido Xosé Neira Vilas. A candidatura da escritora, premio Xerais 2001 por Teoría do Caos, foi aprobada onte no plenario da RAG. Desde a Academia salientan que como bióloga e experta en educación, «Marilar Aleixandre foi pioneira no uso do galego como lingua vehicular no ensino das ciencias: foi coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais en galego e doutros moitos materiais, itinerarios, artigos e ensaios sobre o ensino das ciencias». Na actualidade «a súa liña de investigación é a argumentación, o uso de probas e o pensamento crítico no ensino das ciencias, mediante análise do discurso», din desde a RAG. A escritora tamén contou: «Aprendín a escribir -ademais de lendo- redactando panfletos e artigos para revistas de partidos clandestinos (todos canda eu estudaba)».
A RAG tamén convocou onte a vacante de Xosé Fernández Ferreiro, falecido o 16 de decembro.
Fonte: "La voz de Galicia" 6 de marzo 2016
mércores, 24 de febreiro de 2016
DÍA DE ROSALÍA
O 24 de febreiro, día do nacemento da escritora, celébrase o Día de Rosalía.
Rosalía de Castro naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro nunha casa do Camiño Novo (hoxe Rosalía de Castro). Filla de María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía (1804-1862) fidalga vida a menos, e do sacerdote José Martínez Viojo (1798-1871).
Desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, Rosalía de Castro mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal.
Manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro 2016
21/2/2016
Manifesto
da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
no Día de Rosalía de Castro 2016
Rosalía libre e sen medo ningún
Non podemos saber como sería hoxe Rosalía de Castro. Ou si: sería como era, como foi, como segue a ser, como é Rosalía. E como é Rosalía, que agora non o podemos saber?
Sabemos, sabemos. Sabemos que foi verdadeira, que viviu toda a súa vida con verdade e que foi unha persoa libre, e sabemos que a liberdade hai que pagala e por iso a súa vida foi dura.
Non hai liberdade se a palabra non é libre, e por iso ela escribiu sen medo ningún para combater «aos que sen coñecemento algún nin razón, nos desprezan, que a nosa lingua non é aquela que bastardean e chapurran nas máis ilustradísimas provincias, cun riso de mofa.» A súa preocupación polo país nacía dun orgullo profundo de ser galega, «o máis triste nesta cuestión é a falsedade con que fóra de aquí pintan así aos fillos da Galiza como da Galiza mesma.»
Escribiu poesía, e a poesía abrázao todo: a alegría, a esperanza, a dor..., e tamén a denuncia da opresión, e tamén as proclamas da política da liberdade. Nos seus versos cabe a liberdade da Galiza e tamén a xustiza social que reclama para todos os «desherdados», mesmo explicitamente para os traballadores: «Obreros incansables, yo os saludo.»
E se escribía sobre os demais, os demais que sufrían, era porque o sentía. Toda a súa poesía é lírica; non nace das ideas, que nace dos sentimentos, afectos e emocións da autora.
E todo o que ela sentía e toda a xente que ela sentía como súa, habitaba dentro dun mundo vivo todo el. Poucas veces a natureza aparece tan constantemente, rodeando e envolvendo a vida toda. As augas, as árbores, as plantas, os ceos, un mundo vivo e activo, ás veces amábel e familiar:
Baixo a prácida sombra dos castaños
do noso bon país
baixo aquelas frondosas carballeiras
que fan dose o vivir;
cabe a figueira da paterna casa
que anos conta sin fin,
qué contos pracenteiros, que amorosas
falas se din alí!
E, cando dentro dela lle nace unha pena, sempre ten a certeza de que aí fóra hai uns ceos claros onde mora a esperanza:
No ceo, azul crarísimo;
no chan, verdor intenso;
no fondo da alma miña,
todo sombriso e negro.
Ninguén lle quite a Rosalía o que Rosalía dixo e foi: «Solo cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios.» Ninguén diga que foi muller encollida ou, sequera, vencida. Non escribía con tinta, que escribía con sangue: «Mollo na propia sangre a dura pluma.»
Estaba posuída por unha forza e unha ansia sen igual. E comezou a vivir a vida con esa alegría, foi unha moza destemida que desafiou as convencións feitas para encerrar as mulleres «pues siempre cuando yo paso/ de mí murmuran y exclaman.» Desde o principio quixo ser escritora, muller escritora, e enfrontouse ao destino que tiñan as mulleres da época desde que nacían simplemente por naceren mulleres: «desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud.» E desde moi nova decidiu ser creadora e fixo por selo, fixo por ser muller escritora. E foino, contra todo e contra todos.
Acabou sendo querida pola xente que ela máis quería, a xente humilde que fixo dela unha bandeira, unha estreliña de esperanza. «¡Ai, dos que levan na frente unha estrela! ¡Ai, dos que levan no bico un cantar!», dixo dela o noso Curros. Mais non puido evitar tropezar coas paredes da realidade social, non puido ter o éxito como novelista profesional que arelaba. Encerrada na casa, criando a súa rolada de fillos, atravesada pola dor da perda dalgúns deles, acabou a súa vida como o que foi, unha escritora a riscar papeis «na gran sala» da súa casa.
Non conseguiu en vida o recoñecemento que merecía mais non foi vencida, chegou aos seus últimos días coa arma de escritora na man. Rosalía viviu libre e campa aínda libre arredor de nós, é unha sombra clara que nos anima a vivir en liberdade sempre. Sempre libres, sempre en Galiza, a nación de Rosalía. «O noso bon país», di ela.
Suso de Toro
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
Panteón de Galegos Ilustres, 21 de febreiro de 2016
luns, 22 de febreiro de 2016
HOMENAXE A XOSÉ NEIRA VILAS
Os alumnos de 2º de ESO do noso Centro realizaron na materia
de lingua e literatura galega uns traballos- homenaxe a un dos autores máis importantes da historia
da nosa literatura, Xosé Neira Vilas.
martes, 12 de xaneiro de 2016
As 100 palabras en galego para designar a choiva
Por Eduardo Rolland 04/01/2016 / GALICIENCIA
Existe a crenza de que os esquimós inuit teñen centos de palabras distintas para designar a neve. Pero é falso. A falacia foi propalada polo antropólogo estadounidense Franz Boas en 1911. En realidade, as linguas inuit son polisintéticas, co que crean longas palabras que funcionan como frases completas. E por iso só teñen dúas raíces léxicas ou ‘palabras’ para a neve: ‘ganik’, para os copos no aire; e ‘aput’, para a que se acumula no chan. Que logo, cando se escoitan, parezan longas palabras só responde a que lle suman afijos que en galego serían adxectivos ou preposicións como ‘branca neve’, ‘neve a derreter’ ou ‘neve en po’.
O paraugas para a chuvia.
Así que non é certa a lenda dos esquimós e a palabra neve. Pero si é verdade que os galegos teñen máis de cen palabras para designar a choiva, das que 61 a denominan directamente. As razóns resultan bastante obvias.
Hai xa algúns anos, a catedrática de Filoloxía da Universidade de Santiago Elvira Fidalgo identificou as palabras para a choiva en Galicia, tras enquisas en máis dun cento de parroquias e localidades das catro provincias galegas, Asturias, León e Zamora. “É lóxico que unha poboación que vive inmersa na choiva busque mil conceptos sacados das imaxes máis variadas para nomear aquilo que está presente na súa vida, e din que tamén no seu espírito”, reflectiu no seu estudo Elvira Fidalgo.
Termos gregos como ‘boreas’ ou do latín, como ‘pulvis’, están na orixe destas palabras
Para denominar a choiva de pouca intensidade, o orballo, en Galicia poden utilizarse os termos orballo, orballeira, orballada; chuvisco, chuviscada, chuviña, relacionadas co latín ‘pluvia’. Pero tamén babuxa, babuxada, barruxeira, barruxada, barruceira, que estarían relacionadas co termo grego “Boreas”, vento do norte, e que traería a auga; outras como poalla, poalleira, poallada están creadas sobre o latín “pulvis”, que evolucionou en latín vulgar ata dar “po” en galego, e que está na base desas palabras ao comparar a choiva de pingas moi finas coas partículas de po en suspensión.
Para a denominación de choiva forte, ademais dos mencionados, o galego emprega sobre todo os derivados do latín “turbo”, que ndicaba calquera tipo de obxecto impulsado cun movemento circular. E será esta idea a que se asocie á choiva para crear palabras como trebón, torbón, treboada, torboada. Termos como borrascada foron creados sobre o mesmo “boreas”, ao que se lle engadiu un sufixo intensificador.
E en contra do que moitos pensan, unha ‘chuvieira’ non é unha choiva feble, senón que se aplica cando chove con forza, aínda que por pouco tempo.
Ás palabras propias para a choiva en galego, hai que engadir as expresións formadas con máis un elemento que indica gran cantidade, por exemplo “chover a caldeiros”, “chover a ballón”, “caer (a auga) a barullo”, “a cichón”, “a choupón”.
Aquí tes 61 palabras para dicir choiva en galego
Para resumir aquí están 61 palabras galegas distintas para denominar a choiva. E outras dezaseis máis relacionadas co mesmo concepto:Para chuvia feble: Babuña, Babuxa, Barbaña, Barbuza, Barrallo, Barrufa, Barruñeira, Barruzo, Borralla, Breca, Chuvisca, Chuviscada, Chuviñada, Froallo, Lapiñeira, Marmaña, Orballo, Parruma, Parrumada, Patiñeira, Patumeira, Poalla, Poallada, Poalleira, Poallo, Zarzallo…Para chuvia forte: Arroiada, Ballón, Basto, Bátega, Bategada, Cebra, Cebrina, Chaparrada, Chuvascada, Chuvasco, Chuvieira, Cifra, Ciobra, Dioivo, Treixada, Xistra, Zarracina…Cando hai raios e tronos: Treboada, Torboada, Torbón, Trebón…Se vén con neve e xeo: Auganeve, Cebrina, Cebrisca, Escarabana, Nevada, Nevarada, Nevareira, Nevarío, Nevisca, Nevarisca, Pedrazo, Salabreada, Sarabiada, Torba…Cando remata de chover: Amizar, Delampar, Escambrar, Escampar, Estear, Estiñar, Estrelampar…E cando hai condensación de auga: Borraxeira, Borraxoia, Brétema, Cegoña, Fuscallo, Néboa, Neboeiro, Nebra, Zarrazina…
sábado, 26 de decembro de 2015
domingo, 6 de decembro de 2015
MEMORIA DO NADAL NO VESTÍBULO DO COLEXIO
Memoria do Nadal é unha recompilación de panxoliñas e aguinaldos recollidos polos nosos alumnos que pretende pór en valor a literatura popular herdada dos nosos devanceiros.
PÓDENSE LER ALGUNHAS PANXOLIÑAS DO TRABALLO AQUÍ
Recollemos varias versións das mesmas panxoliñas e aguinaldos, xa que ó tratarse de literatura de transmisión oral a variabilidade é unha das súas características. Tamén coidamos conveniente manter o vocabulario empregado polo informante e non corriximos castelanismos, dialectalismos, vulgarimos ou hiperenxebrismos.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)


