xoves, 11 de maio de 2017

MALETAS VIAXEIRAS / BANDA DESEÑADA


Esta actividade, dirixida aos alumnos de ESO, foi organizada desde o Equipo da Biblioteca Escolar e o EDL e ten como obxectivo fundamental o estimular a lectura de cómics de calidade entre os alumnos de secundaria do centro, converténdoo no xénero literario protagonista durante os quince días que a maleta (prestada desde a Consellería de Educación)  estea nas nosas mans.
            “ E velaquí o decisivo dos cómics, o ser un medio narrativo, o servir para contar historias. O que o distingue dos outros medios cos que está emparentado é o contalas dun xeito peculiar e propio, empregando unha linguaxe e uns códigos específicos, e que se basea nunha síntese de linguaxes verbal e icónica.” 
Agustín Fernández Paz









"Se ti les, eles len"

 Como ben sabedes o noso Colexio é un dos dez centros concertados de Galicia que conseguiu entrar no PLAMBE (Plan de mellora de bibliotecas escolares) que promove a Xunta de Galicia e no que tamén están incluídos 605 públicos.
Unha das accións que consideramos prioritarias no noso proxecto de Biblioteca escolar é a implicación das familias na formación de persoas lectoras, por iso ademais das “mochilas viaxeiras” (e coa colaboración do Equipo de Dinamización Lingüística) tamén decidimos crear este espazo no que teredes á vosa disposición material da biblioteca para que poidades facer uso del nas vosas visitas ó centro.

Esperamos que esta iniciativa sexa do voso agrado e lembrade o lema da actividade: “SE TI LES, ELES LEN”







mércores, 26 de abril de 2017

HOMENAXE AGUSTÍN FDEZ. PAZ

HOMENAXE A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Os alumnos de 3º de ESO do noso centro, en colaboración co EDL e a Biblioteca Escolar, realizaron unha homenaxe a un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto do Estado, que faleceu en xullo do ano pasado. Foi autor de máis de cincuenta títulos e os seu libros están traducidos a varias linguas: castelán, catalán, éuscaro, portugués, coreano, búlgaro, inglés, chinés, árabe, francés e italiano. Os seus libros obtiveron numerosos premios e gozan do aprecio de milleiros de lectores; Cartas de inverno, superaba xa no ano 2016 os cen mil exemplares vendidos.


Cada alumno escolleu un libro do autor homenaxeado e logo de lelo, fixo un comentario crítico do mesmo; por outro lado a través do traballo cooperativo analizaron a vida e a obra do autor de Vilalba. Poderedes ver unha mostra destes traballos nos corredores do centro e na propia biblioteca. Seguro que despois de ler as valoracións dos compañeiros de 3º de ESO, moitos outros alumnos do Centro  vanse animar a  descubrir os mundos creados por este magnífico escritor.