domingo, 23 de setembro de 2012

OS BOLECHAS NA TVG

Os Bolechas saltan dos libros ás tardes da TVG, co Xabarín.


Os seis irmáns e a súa mascota, Chispa, creados por Pepe Carreiro, cobrarán vida a partir de mañá.

  A partir de mañá, a Televisión de Galicia emitirá as aventuras dos Bolechas. Será de luns a xoves, nas faixas do almorzo e da merenda, e os sábados pola mañá no programa Xabarín Club, tal como anunciou a directora xerente da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, na presentación oficial das novas aventuras da popular familia. A responsable da canle pública galega destacou a 'importante aposta' da TVG para ofrecer 'programación infantil en galego' e salvagardar a lingua propia 'para xeracións futuras'.

sábado, 22 de setembro de 2012

Twitter FALARÁ GALEGO

Twitter comezará por fin a falar galego. A rede social anunciou, a través do perfil oficial do seu tradutor, que incorporará dezaseis novas linguas ao seus sistema, entre as que se atopa o galego.

Hai uns días, a etiqueta #férvemeosangue converteuse nun dos temas máis comentados do momento (trending topics), apoios que se sumaron a unha intensa campaña posta en marcha polo usuario @tweet_en_galego para que a rede do paxariño non se esquecese da lingua de Galicia. Parece que Twitter, despois de incluír o eúscaro e o catalán, decidiu escoitar as peticións dos usuarios e darlle a quenda á versión do seu servizo en galego.
O tradutor da rede social pediu axuda, a través do seu blog oficial, a todos aqueles dispostos a colaborar no seu servizo, que deberán inscribirse no Centro de Tradución para axudar na nova versión galega de Twitter. Os interesados deberán entrar na web de inicio do tradutor dende a súa conta de Twitter e escoller o galego como lingua. Ademais do galego, Twitter incorporou outras linguas como o irlandés, o serbio ou o romanés.
A mediados de xuño, miles de usuarios demandaron poderen empregar a ferramenta no idioma de Galicia. A través da etiqueta #TwitterQuereGalego esixiron que se fixera caso do que consideran «unha necesidade e un dereito».

domingo, 16 de setembro de 2012

É o teu camiño, é a túa vida...Ponte en marcha!

Benvidos de novo ó curso 2012-2013!



Para este curso o lema da nosa axenda é:  
"É o teu camiño, é a túa vida. Ponte en marcha!
 e o noso obxectivo principal:
                "Descubrir e valorar o tempo pasado, vivir con reponsabilidade o presente para construír o futuro"