martes, 30 de setembro de 2014

ANTÍA, WAMBA e o regato pequeno.Fotos.

As caras dos nenos xa o din todo!









ANTÍA, WAMBA e o regato pequeno.



O pasado mércores 24 de setembro tivemos a oportunidade de gozar co teatro en galego na nosa escola. Visitounos a Tropa de Trapo e representaron a obra Antía, Wamba e o regato pequeno. Os protagonistas eran Antía, unha nena pequena cun bocadillo xigante, e Wamba, un rapaz do Congo que traballaba vendendo cousas no topmanta. Despois dun fortuíto choque polas rúas da súa cidade chegaron a un acordo e Antía compartiu con Wamba ese xigante bocadillo a cambio das historias que Wamba lle contou.


E foron historias cheas de mensaxes importantes que nos ensinan que se todos pomos algo da nosa parte podemos facer un mundo moito mellor, fixéronnos reflexionar sobre todo iso do que temos de máis e do que precisamos, de compartir dende o corazón, de valorar o que realmente importa… Porque os protagonistas das historias de Wamba foran quen de substituír conflitos por festas na selva; desbaratar os plans de facer edificios nun parque onde xogaban os nenos; facer entender que compartir non é dar o que nós non queremos e de comprender que, moitas veces, o que parecía unha maldición non é máis que unha valiosa lección.
Ademais de escoitar puidemos bailar, cantar e incluso actuar, no escenario e dende as nosas butacas; a verdade é que foi unha auténtica experiencia na que nos divertimos e aprendemos, que máis se pode pedir?
E agora queremos darlle as grazas á Tropa de Trapo e ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade por ternos ofrecido este súper espectáculo e ao cole por acollelos e permitirnos gozar con el.

Aquí vos queda un enlace con máis información para todos aqueles que aínda non tiveron a sorte de velo:
http://tropadetrapo.blogaliza.org/espectaculos/antia-wamba-e-o-regato-pequeno/