mércores, 18 de decembro de 2019

Unha estrela en Ofiúco chamada Rosalía de Castro


Finalmente a estrela HD 149143 levará o nome de Rosalía de Castro e o seu exoplaneta, Río Sar. Máis de 34.000 persoas participaron na votación online, e a opción de Rosalía foi claramente a máis apoiada entre as doce posibles.

A Unión Astronómica Internacional vén de anunciar nunha conferencia de prensa en París que a estrela HD 149143 levará por nome Rosalía de Castro, e o seu exoplaneta, Río Sar. A escritora galega foi a clara vencedora da votación en liña para elixir o nome desta estrela, acadando un 39% dos votos totais, uns 13.413 de 34.179.
Este procedemento para nomear astros forma parte do proxecto internacional impulsado pola Unión Astronómica Internacional (IAU) como parte das actividades de celebración do seu centenario. Dentro da campaña NameExoWorlds, asignóuselle a cada país, máis de 110 en total, un sistema formado por unha estrela e o planeta que a orbita para que se lle dera nome mediante participación cidadá. No caso español votouse entre unha ducia de propostas a través da web www.nombraexoplanetas.es. 
Por detrás de Rosalía e Río Sar ficou Tirant e Carmesina, con máis de 5.600 votos,  e os nomes dos amantes de Teruel,  Diego e Isabel, con máis de 4.500 apoios. En 2015 xa foi elixido con este mesmo método outra estrela que pasou a chamarse Cervantes, cos seus catro planetas: Quijote, Rocinante, Sancho e Dulcinea.
A proposta de Rosalía de Castro partiu da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, que utilizou o cancelo #EstrelaRosalía para a súa promoción en redes sociais. Ademais produciu paneis explicativos que rularon durante estes dous meses de campaña por centros educativos e culturais de todo o país. Tamén se repartiron dez mil folliñas informativas e 300 pósteres da campaña.
Estrela anana
A xa denominada “Rosalía de Castro” é unha estrela anana amarela parecida ao noso Sol situada a 240 anos luz de nós, na constelación de Ofiúco, o Serpentario. A súa magnitude relativa é 7,89, o cal a converte nun obxecto visible con prismáticos en ceos escuros. O exoplaneta HD 149143 b foi descuberto en 2005. É un xigante gasoso un pouco maior que Xúpiter que orbita a oito millóns de quilómetros da súa estrela: tarda só 4,1 días en dar unha volta completa arredor dela. En caso de que se descubran máis exoplanetas neste astro, a proposta inclúe outros topónimos asociados á vida e obra de Rosalía: Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria.
Rosalía de Castro (1837-1885) é a figura máis grande das letras galegas, mais é tamén unha das máis importantes escritoras en lingua castelá. A súa obra, sexa en galego ou en español, sexa no campo da poesía, da narrativa ou do ensaio, convértea nunha referencia universal. Foi unha escritora crítica con toda clase de inxustizas, grande defensora da natureza e indiscutiblemente feminista. Un tesouro cultural que traspasa xeracións, por iso Rosalía resulta sempre plenamente contemporánea e permanece viva na sociedade actual.
                                                            INFORMACIÓN: Fundación Rosalía de Castro

mércores, 13 de novembro de 2019

ENTREGA DE PREMIOS AOS GAÑADORES DO VI CONCURSO DE CABAZAS


ALUMNOS PREMIADOS NO VI CONCURSO DE CABAZAS DO SAMAÍN

A nosa directora, Gerarda Fidalgo, entrega o primeiro premio a Aldara e Kira, alumnas de 5º A de EP.

Entrega do segundo premio a Carlos e Héctor de 6º A de EP


Entrega do 3º premio Ex aequo aos alumnos de 5º A de EI, Leo e Lucas


MOITAS GRAZAS A TODOS OS PARTICIPANTES NO CONCURSO E PARABÉNS AOS PREMIADOS



AS CABAZAS DESPÍDENSE ATA O ANO QUE VÉN!

luns, 4 de novembro de 2019

AQUÍ ESTÁN AS CABAZAS GAÑADORAS!

Estes son os gañadores do VI Concurso de Cabazas do Samaín.

1º PREMIO: Aldara Fernández e Kira Fidalgo (5ºA de EP) coa cabaza número 18


2º PREMIO: Carlos Castro e Héctor Da Silva (6ºA de EP) coa cabaza número 36


3º PREMIO: Ex aequo para Lucas Antonio (5º A de EI) coa cabaza número 16


e para Leo García (5º A de EI) coa cabaza número 59


O xurado quere destacar o grande número de cabazas que participaron no concurso-exposición e a súa calidade. Graciñas ás familias pola vosa colaboración.

sábado, 5 de outubro de 2019

CONCURSO "A MAN CULPABLE"

O Museo do Claustro Mercedario de Verín convoca o 
concurso para escolares "A man culpable" 
A temática é sobre os impactos negativos do ser humano no medio ambiente na contorna da nosa comarca. O cambio climático é un deles, pero tamén os incendios forestais, a contaminación das augas ou a desaparición masiva de especies.

luns, 6 de maio de 2019

HOMENAXE A D. XESÚS TABOADA CHIVITE

Homenaxe a D. Xesús Taboada Chivite
Durante o segundo trimestre o Equipo de Dinamización Lingüística  e a biblioteca do noso centro (dentro das actividades promovidas a través do PLAMBE) quixeron render homenaxe a un dos personaxes máis relevantes da cultura verinense, pero incomprensiblemente tamén un dos máis descoñecidos entre o alumnado. Con este motivo organizouse una exposición na biblioteca e no segundo andar do centro coa colaboración da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Verín.








Ademais os alumnos de 4º de ESO puideron gozar dunha charla explicativa das exposicións “Cando as cartas eran literatura” e “Na lembranza de D. Xesús”  por parte de D. Vicente Rodríguez Justo e de Dna. Aurora Prieto Tarrío ,director e encargada de préstamo respectivamente, e dous dos principais artífices dos éxitos que a Biblioteca  Municipal está conseguindo a nivel estatal.












“É curioso como ás veces coñecemos máis as persoas célebres alleas á nosa contorna que as que se sitúan máis preto noso, sen decatarnos de que tamén son figuras relevantes da nosa cultura.
Sen dúbida ningunha foi música para os oídos dos alumnos de 4º de ESO coñecer da man de  Vicente e Aurora as crenzas, personalidade, estudos e vivencias; así como as valiosas cartas que escribía e enviaba aos seus achegados , o ilustre verinés D. Xesús Taboada Chivite.”
Lucía Rodríguez (4º ESO)