martes, 20 de novembro de 2018

Música Samaín

O alumnado de 4º e 5º de Educación Primaria, inmerso no estudo dos clásicos, conseguiu, e de que xeito, adaptar as súas historias do Samaín á música do vello amigo J.S. Bach. Para elo, mesturaron a súa imaxinación coa gran “TOCATA e FUGA en Re menor”.
Velaquí o resultado.

sábado, 6 de outubro de 2018

A galega Sabela segue en OT tras cantar "Benditas feridas"

A moza sálvase da expulsión con este fermoso  tema de Rosa Cedrón.



«A derradeira leición do mestre», de Castelao, xa en Galicia

O 17 de agosto de 1945 presentábase en Bos Aires con motivo do Día dos Mártires Galegos o óleo A derradeira leición do mestre. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a pesar da súa cegueira, recreou nun cadro de grandes dimensións a estampa número 6 do seu álbum Galicia mártir, publicado en Valencia en 1937, no que denunciaba a represión exercida polo bando franquista. Este mércores, despois de 73 anos, era a primeira vez que se vía en Galicia ese lenzo no que dous nenos choran ante o cadáver do seu mestre asasinado

O cadro exhibirase ao público a partir deste venres no Museo Gaiás, como eixe central da mostra Castelao maxistral, que se poderá visitar ata marzo, momento no que A derradeira leición do mestre regresará á Arxentina. A exposición tamén contará con todos os debuxos de Castelao sobre a educación, espazos protagonizados polo ensino, así como pezas que demostran a dimensión internacional que adquiriu esta obra e un apartado dedicado aos mestres represaliados.   

luns, 14 de maio de 2018

MARÍA VICTORIA MORENO

Letras Galegas 2018
Aínda que ela afirmaba que viñera ao mundo en 1941, seguramente para facer cadrar a súa idade coa das compañeiras de bacharelato elemental en Barcelona, a verdade é que Ana María Victoria Moreno Márquez naceu en Valencia de Alcántara (Cáceres) o 1 de maio de 1939.
Esta pontevedresa de adopción chegou a Galicia en 1963, con só 22 anos, e axiña asumiu a cidadanía en galego, a lingua que escolleu tanto para as súas obras narrativas infantís e xuvenís como para os seus estudos literarios, o ensaio, a poesía e a didáctica da lingua e da literatura galegas. Isto permítenos definila como "galega de elección".
“A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”, declaraba María Victoria Moreno en 1993.
En 2018 é a figura protagonista do Día das Letras Galegas e isto convértea na cuarta muller -tras Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño- que leva ese recoñecemento na historia da celebración.
De Cáceres a Galicia
Os primeiros anos de vida pásaos en Valencia de Alcántara. En 1943, múdase coa familia a Segovia e alí fica ata que falece o seu pai, en 1949. Ese mesmo ano trasládase a Sepúlveda coa nai, onde esta exercerá de mestra. En 1951, grazas a unha bolsa de estudos, pode marchar a Barcelona para cursar o bacharelato e alí aprende catalán e francés, ademais de descubrir a literatura ao ler o Quixote e O principiño, que se converterán nas súas obras favoritas.
Entre 1958 e 1963 cursa estudos de Filosofía e Letras na Universidade Complutense de Madrid e especialízase en Filoloxía Románica. En Madrid colabora coa ONCE traducindo e lendo libros para persoas invidentes e é entón cando coñece a José Luis Llácer. Casan ao remataren a carreira e trasládanse a Pontevedra, onde el traballará no Colexio da ONCE ata o seu falecemento en 1996 e ela, como profesora interina.
Logo de aprobar as oposicións en 1965 e de impartir clase durante dous anos no Instituto Masculino de Lugo (hoxe Lucus Augusti), e durante catro en Vilalonga (Sanxenxo), volve á Cidade do Lérez, onde dará clases no Instituto Feminino (o actual Valle-Inclán) e no IES Torrente Ballester.
En 1973 inicia o proceso de adopción dos seus fillos, Begoña e Carlos Alberto, que conclúe dous anos despois. En 1996 morre o seu home e en 1997 diagnostícanlle cancro de mama a ela. En 2002, inicia unha relación co capitán da mariña mercante de orixe cubana Pedro Ferriol que culmina en voda en maio de 2003. María Victoria Moreno falece en Pontevedra o 22 de novembro de 2005.
Narradora en galego
María Victoria Moreno é unha das pioneiras na narración en galego para o público infantil e xuvenil. Mar adiante (Edicións do Castro, 1973) é o seu primeiro libro na lingua propia de Galicia. Ilustrado por ela mesma, inclúe o relato “Crarisca e luceiro”, que un ano antes gañara o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís “O Facho”. Nel defende unha escola diferente, en contacto coa natureza, baseada no respecto, no agarimo e no gozo de aprender.
En 1979 publica O cataventos (que xa acadara o primeiro premio no concurso da Agrupación Cultural O Facho) e en 1983, A festa no faiado. En 1986 sae do prelo o seu libro preferido, Leonardo e os fontaneiros(Galaxia), obra coa que gañou o terceiro premio de O Barco de Vapor en 1985. Nesta novela plasma o seu amor polos animais, igual que en E haberá tirón de orellas?, de 1997.
Porén, é Anagnórise (Galaxia, 1988) a obra que lle permite obter un dos maiores éxitos da literatura xuvenil na nosa lingua, pois en moi pouco tempo publicáronse 20 edicións da novela e mesmo chegou a ser incluída na listaxe de honra do IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil) en 1990.
Con Guedellas de seda e liño (Galaxia, 1999), outra historia coa que demostra a súa capacidade de chegar ao público adolescente, entrou na prestixiosa listaxe internacional de White Ravens da Biblioteca Internacional para a Mocidade de Múnic en 2002.
Un par de anos despois sairía do prelo unha das súas obras para público adulto, Diario da luz e a sombra(Xerais, 2004), onde reflectiu a experiencia da enfermidade que acabaría pouco despois coa súa vida.
No libro Eu conto, ti cantas... (Xerais, 2005), o último que chegou a ver publicado, compila tres historias en verso nas que os animais son protagonistas.
Paixón docente
María Victoria Moreno soubo tamén transmitir a paixón pola lingua e a literatura galegas como profesora, tanto nos cursos semiclandestinos que impartía gratuitamente nos anos 70 en Pontevedra, Vilagarcía de Arousa ou Ourense, que lle supuxeron a retirada do pasaporte en represalia, como nas clases oficiais de Lingua e literatura españolas que deu durante décadas no ensino secundario (xa durante a ditadura, María Victoria Moreno dedicaba os venres parte destas clases a ensinar a literatura galega). Buscaba un método de ensino que lle permitise ao seu alumnado gozar da aprendizaxe e que cambiase as prohibicións, a censura e o medo pola liberdade e os xogos.
Xunto con Xesús Rábade e mais Luís Alonso Girgado publica a mediados dos 80 libros de texto que aínda hoxe son un referente. Froito da necesidade de manuais nun momento en que estas materias se estaban a implantar nos centros, son á vez unha mostra da súa paixón polo ensino. Tamén escribirá outras obras de carácter didáctico, como As linguas de España e Verso e prosa (Xunta de Galicia, 1991).
Tradutora, libreira e editora
A tradución é outro terreo no que María Victoria Moreno realizou achegas destacadas. Anosou obras do catalán como Mecanoscrito da segunda orixe, de Manuel de Pedrolo (Galaxia, 1989), e realizou as traducións ao castelán da antoloxía bilingüe Os novísimos da poesía galega (Akal, 1973).
En 1968 abriu a canda outros intelectuais a libraría Xuntanza de Pontevedra, co fin de promover a literatura e espallar os libros. Nela podíanse atopar, entre outras, obras de Castelao, prohibidas pola censura. No eido editorial, foi codirectora de Árbore, a colección infantil de Galaxia, desde o seu inicio.

luns, 2 de abril de 2018

María Victoria Moreno Márquez

Real Academia Galega


María Víctoria Moreno Márquez. Imaxe cortesía da editorial Galaxia

"Eu non son alófona porque o que practico, se é que escribo, podería definirse coma unha amorosa autofonía (…). A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor", declaraba María Victoria Moreno, en 1993, no congreso "Poetas alófonos en lingua galega". Dúas décadas atrás, a autora publicara Mar adiante (Edicións do Castro, 1973), o seu primeiro libro en galego (ilustrado por ela mesma), un ano despois de gañar con Crarisa e o luceiro o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís do Facho. Con esta primeira novela, a profesora de orixe estremeña convertíase nunha das voces pioneiras da narración en galego destinada ao público máis novo, ao que dedicaría tamén boa parte da súa produción literaria posterior con notable recoñecemento tanto da crítica como do público.
Outro título destacado na súa traxectoria, Anagnórise (Galaxia, 1989), é un dos maiores éxitos da literatura xuvenil na nosa lingua: a novela foi incluída na listaxe de honra do IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil) en 1990 e chegaron a se editar en poucos anos vinte edicións. Pero o seu libro preferido era Leonardo e os fontaneiros(Galaxia, 1986), co que gañou o terceiro premio O Barco de Vapor de 1985. Con Gedellas de seda e liño (1999), outra das historias nas que demostra a súa capacidade de chegar ao público adolescente, entrou na prestixiosa listaxe internacional de White Ravens 2002. Un par de anos despois sairía do prelo Diario da luz e a sombra (Xerais, 2004), onde reflectiu a experiencia da enfermidade que acabou pouco despois coa súa vida, o 21 de novembro de 2005.
María Victoria Moreno soubo tamén transmitir a paixón pola lingua e a literatura como profesora, tanto nas clases de lingua galega semiclandestinas que impartía gratuitamente nos anos 70 en Pontevedra (Asociación de Amigos da Cultura, 1971-1974), Vilagarcía de Arousa (1973-1975) ou Ourense (Ateneo, 1974-1975) como nas oficiais de Lingua e literatura españolas que deu durante décadas no ensino secundario. Polas primeiras, en concreto as impartidas no Ateneo de Ourense, a Policía de Pontevedra chegou a retirarlle o pasaporte a comezos de 1975 por entender que esta institución estaba gobernada por dirixentes subversivos.
No instituto de Lugo orientou as inquedanzas lingüísticas e literarias dun dos seus alumnos, Xesús Rábade Paredes, promovendo a edición do seu primeiro libro de poemas, que lle prologou. Tras un par de anos nesta cidade e mais un tempo en Vilalonga (Sanxenxo), volveu a Pontevedra, onde seguiu engaiolando a xeracións de rapaces e rapazas, primeiro no instituto Valle-Inclán e despois no Torrente Ballester, ao que lle legou a súa biblioteca persoal.
No eido educativo asinou, ademais, libros de texto que aínda hoxe se consultan: foi coautora de Literatura [galega]. Século XX, para COU (Galaxia, 1985), e de Literarura [galega], para 3º de BUP (Galaxia, 1987). As linguas de España e Verso e prosa (Xunta de Galicia, 1991) son outros exemplos do seu traballo rigoroso no eido da didáctica. E tamén cómpre lembrar que foi mestra de mestres en cursos como os que impartiu sobre literatura galega para docentes a comezos dos 80.
A tradución é outro terreo no que María Victoria Moreno realizou achegas destacadas. Verteu obras desde o catalán, idioma co que dialogaba como filóloga e poeta, e realizou as traducións aos castelán da antoloxía bilingüe Os novísimos da poesía galega (Akal, 1973), escolma que preparou e prologou ela mesa con poemas de Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Fiz Vergara Vilariño ou Xesús Rábade. Cómpre tamén lembrar outras facetas da autora, como a de libreira en Pontevedra, onde abriu xunto a outros intelectuais, en 1968, a libraría Xuntanza, unha trincheira máis para promover a literatura e espallar os libros. No eido editorial, foi ademais codirectora da colección infantil de Galaxia, Árbore, desde o seu inicio.
Marina Mayoral, académica de honra
Alén da elección da figura literaria que protagonizará o Día das Letras Galegas de 2018, na sesión plenaria da RAG de hoxe nomeouse académica de honra a Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942). Catedrática xubilada da Universidade Complutense de Madrid, novelista e columnista premiada, é autora dun caudaloso labor rosaliano co que levou o nome da escritora fundacional das letras galegas a tribunas académicas de todo o mundo. A súa primeira grande achega é a súa tese de doutoramento, La poesía de Rosalía de Castro (Madrid, Gredos, 1974), prologada polo profesor Rafael Lapesa, á que seguiron outros estudos e edicións de diferentes títulos da escritora. O universo literario de Emilia Pardo Bazán débelle tamén edicións e investigacións que a converten nunha das grandes autoridades na autora coruñesa.
Como narradora, é autora de máis de vinte títulos. Algúns deles, publicados orixinalmente en galego, ademais de moi reeditados, foron traducidos a varios idiomas: Unha árbore, un adeusChamábase LuísTristes armasQuen matou a Inmaculada Silva?
Sete novos académicos e académicas correspondentes
Na sesión plenaria deste sábado cubríronse ademais sete vacantes de correspondentes. Serán ocupadas por Takekazu Asaka (Toquio, 1952), profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Tsudajuku, autor da primeira gramática galega para xaponeses e tradutor ao xaponés de Rosalía e outros autores das nosas letras; Marcos Bagno (Cataguases – Brasil, 1961), profesor da Universidade de Sao Paulo, recoñecido lingüista e defensor dunha nova visión do portugués, en que subliña a súa orixe galega; Olga Castro (Lugo, 1980), profesora de estudos de tradución da Universidade de Aston (Birmingham) e especialista na interacción entre xénero, linguaxe e tradución; Helena González Fernández (Comesaña – Vigo, 1967), profesora titular de lingua galega e directora do Centre de recerca ADHUC-Teoria, Gènere, Sexualitat da Universidade de Barcelona; Kirsty Hooper, profesora de Estudos Hispánicos da Universidade de Warwick (Coventry, Reino Unido), coordinadora do Hispanic Liverpool Project e tradutora de Cousas de Castelao; a escritora Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940), unha das autoras pioneiras da literatura galega para infancia e tamén unha das primeiras profesoras de Lingua e Literatura Galega no ensino secundario; e Helena Zernova (San Petersburgo, 1951), directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo e tradutora ao ruso das obras máis senlleiras da nosa literatura.

Real Academia Galega

domingo, 25 de febreiro de 2018

VISITA DE LEDICIA COSTAS



Ledicia Costas, autora de O Corazón de Xúpiter, estivo no noso centro o pasado martes vinte de febreiro para falar co alumnado do seu libro. Este agocha unha crítica ó mal uso das redes sociais velado baixo a historia dunha adolescente, apaixonada das estrelas, que cre atopar a alguén con quen falar na rede e de quen se namora. A través do desenlace da novela, Ledicia lanza unha advertencia, un retrato verídico que fai da sociedade e que plasma, dende os ollos inocentes da protagonista, os trazos de realidade que o seu público tratou durante a charla.

                Noelia Gallego (4º ESOB)








xoves, 22 de febreiro de 2018

CONCURSO EDITORIAL GALAXIA

A Editorial Galaxia lanza o seu segundo Reto Lector para fomentar a lectura en galego entre os adolescentes

Enviando dous vídeos nos que comenten obras da editorial as mozas e mozos poden gañar un Ipad de última xeración


A Editorial Galaxia lanza estes días a segunda edición do seu Reto Lector destinado a fomentar a lectura entre os máis novos. Despois do éxito da primeira convocatoria en marzo de 2017, na que con apenas dous meses de prazo para participar se recibiron 35 vídeos enviados por rapazas e rapaces de toda Galicia, Galaxia persiste no seu empeño en conseguir que a mocidade se achegue ao sistema literario integrándose nel como críticos, lectores...
Nesta segunda edición, poderán presentarse ao premio as rapazas e os rapaces de entre 12 e 16 anos. Para participar, só terán que enviar ao enderezo electrónicogalaxia@editorialgalaxia.gal dous vídeos nos que se dea conta da lectura de dous libros da Editorial Galaxia de calquera das súas coleccións de narrativa para todas as idades: Árbore, Costa Oeste e Literaria. Os vídeos non poderán exceder os dous minutos de duración.
Durante eses dous minutos, os participantes deben comentar o contido da obra, os aspectos que máis lles gustaron e as razóns polas que recomendarían a súa lectura. O xurado estará composto polo alumnado da ESO dun centro galego designado pola editorial, e será quen valore todas as propostas fixándose principalmente no poder de persuasión dos participantes, na súa claridade expositiva e na creatividade da gravación.
A rapaza ou rapaz gañador recibirá un Ipad de última xeración. Ademais, haberá cinco lotes de libros coas últimas novidades da Editorial para os cinco seguintes clasificados. O prazo de entrega dos vídeos estará aberto ata o día 27 de abril, e o fallo do xurado farase público no mes de maio.
A través desta iniciativa, a Editorial Galaxia pretende fomentar a lectura en galego nun sector clave da nosa sociedade: os adolescentes. Para facelo, proponlles aos participantes que tiren rendemento das ferramentas dixitais e do seu potencial como medios de transmisión e difusión lingüística e cultural, ao tempo que os anima a desenvolver o seu sentido crítico, mellorar a súa competencia oral e aprender a ver na literatura unha canle comunicativa.

Materiais para descarga:
 Bases
Agradeceríamos a súa difusión. Se necesitades máis información non dubidedes en contactar.

xoves, 15 de febreiro de 2018

"A derradeira lección do mestre" verase en Galicia por primeira vez


A derradeira lección do mestreun dos cadros máis simbólicos de Castelao, viaxará por primeira vez a Galicia. O óleo, que na actualidade se atopa no Centro Galicia de Bos Aires, formará parte dunha mostra sobre o artista e intelectual galeguista que se celebrará no Museo Centro Gaiás no último trimestre deste ano. Segundo anunciou onte a Xunta, a Consellería de Cultura chegou a un acordo para que A derradeira lección do mestre, que nunca saíu da Arxentina, poida exhibirse en Galicia. Esta cesión materializarase nun convenio que está previsto que sexa asinado neste mes de febreiro. Entrementres, xa se traballa na concreción das condicións técnicas do préstamo, para garantir a seguridade e profesionalidade do difícil traslado dunha obra destas características.


Castelao pintou este cadro no ano 1945 na Arxentina, onde se exiliara definitivamente despois da Guerra Civil. A sublevación de 1936 colleuno en Madrid, onde traballou para o goberno da República, tarefa que desempeñaría ao ano seguinte en Valencia. Foi aquí onde debuxou os dous primeiros álbums da guerra, Atila en Galicia e Galicia mártir. A este último pertence a estampa A derradeira lección do mestre, que máis tarde recrearía en óleo en Bos Aires. Castelao inspírase nun motivo clásico da historia da pintura, a do lamento ante o corpo de Cristo, transformado aquí no mestre asasinado e convertido en mártir polo bando fascista; no seu caso, son dous rapaciños os que amosan a súa dor ante o cadáver de quen foi o seu mestre.

                                                                    La voz de Galicia

domingo, 28 de xaneiro de 2018

CANCIÓN PARA O DÍA DA PAZ

"APERTAS QUE VOAN"
Mans brancas e cara negra,
teño os beizos vermellos.
Teño sentimentos novos,
ai, teño sentimentos vellos.
Mans negras e cara branca,
teño o meu peito cheo
de bicos e de sorrisos,
de apertas que voan no vento.
Porque ti es o meu amigo,
porque nos levamos ben,
porque ti es o meu amigo,
distinto e igual á vez.
Porque ti es a miña amiga,
porque nos levamos ben,
porque ti es a miña amiga,
distinta e igual á vez. (Retrouso)
Eu non quero ver fronteiras,
sempre me poño a pensar
en deixar a xanela aberta,
así pode entrar o ar.
Pintar o vento de cores,
deixar as palabras medrar
sen dar máis razoamentos
e así poder cantar.
(Retrouso)
Un camiño faise a pasiños,
un pasiño comigo has de dar,
ha de ser un camiño bonito
se imos xuntiños da man.
Non hai grandes nin pequenos,
e de feros non imos falar,
dáme unha man, compañeira,
que pouco nos ha de importar.

(Retrouso) (3 veces)