sábado, 26 de maio de 2018
sábado, 19 de maio de 2018
luns, 14 de maio de 2018
MARÍA VICTORIA MORENO
Aínda que ela afirmaba que viñera ao mundo en 1941, seguramente para facer cadrar a súa idade coa das compañeiras de bacharelato elemental en Barcelona, a verdade é que Ana María Victoria Moreno Márquez naceu en Valencia de Alcántara (Cáceres) o 1 de maio de 1939.
Esta pontevedresa de adopción chegou a Galicia en 1963, con só 22 anos, e axiña asumiu a cidadanía en galego, a lingua que escolleu tanto para as súas obras narrativas infantís e xuvenís como para os seus estudos literarios, o ensaio, a poesía e a didáctica da lingua e da literatura galegas. Isto permítenos definila como "galega de elección".
“A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”, declaraba María Victoria Moreno en 1993.
En 2018 é a figura protagonista do Día das Letras Galegas e isto convértea na cuarta muller -tras Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño- que leva ese recoñecemento na historia da celebración.
De Cáceres a Galicia
Os primeiros anos de vida pásaos en Valencia de Alcántara. En 1943, múdase coa familia a Segovia e alí fica ata que falece o seu pai, en 1949. Ese mesmo ano trasládase a Sepúlveda coa nai, onde esta exercerá de mestra. En 1951, grazas a unha bolsa de estudos, pode marchar a Barcelona para cursar o bacharelato e alí aprende catalán e francés, ademais de descubrir a literatura ao ler o Quixote e O principiño, que se converterán nas súas obras favoritas.
Entre 1958 e 1963 cursa estudos de Filosofía e Letras na Universidade Complutense de Madrid e especialízase en Filoloxía Románica. En Madrid colabora coa ONCE traducindo e lendo libros para persoas invidentes e é entón cando coñece a José Luis Llácer. Casan ao remataren a carreira e trasládanse a Pontevedra, onde el traballará no Colexio da ONCE ata o seu falecemento en 1996 e ela, como profesora interina.
Logo de aprobar as oposicións en 1965 e de impartir clase durante dous anos no Instituto Masculino de Lugo (hoxe Lucus Augusti), e durante catro en Vilalonga (Sanxenxo), volve á Cidade do Lérez, onde dará clases no Instituto Feminino (o actual Valle-Inclán) e no IES Torrente Ballester.
En 1973 inicia o proceso de adopción dos seus fillos, Begoña e Carlos Alberto, que conclúe dous anos despois. En 1996 morre o seu home e en 1997 diagnostícanlle cancro de mama a ela. En 2002, inicia unha relación co capitán da mariña mercante de orixe cubana Pedro Ferriol que culmina en voda en maio de 2003. María Victoria Moreno falece en Pontevedra o 22 de novembro de 2005.
Narradora en galego
María Victoria Moreno é unha das pioneiras na narración en galego para o público infantil e xuvenil. Mar adiante (Edicións do Castro, 1973) é o seu primeiro libro na lingua propia de Galicia. Ilustrado por ela mesma, inclúe o relato “Crarisca e luceiro”, que un ano antes gañara o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís “O Facho”. Nel defende unha escola diferente, en contacto coa natureza, baseada no respecto, no agarimo e no gozo de aprender.
En 1979 publica O cataventos (que xa acadara o primeiro premio no concurso da Agrupación Cultural O Facho) e en 1983, A festa no faiado. En 1986 sae do prelo o seu libro preferido, Leonardo e os fontaneiros(Galaxia), obra coa que gañou o terceiro premio de O Barco de Vapor en 1985. Nesta novela plasma o seu amor polos animais, igual que en E haberá tirón de orellas?, de 1997.
Porén, é Anagnórise (Galaxia, 1988) a obra que lle permite obter un dos maiores éxitos da literatura xuvenil na nosa lingua, pois en moi pouco tempo publicáronse 20 edicións da novela e mesmo chegou a ser incluída na listaxe de honra do IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil) en 1990.
Con Guedellas de seda e liño (Galaxia, 1999), outra historia coa que demostra a súa capacidade de chegar ao público adolescente, entrou na prestixiosa listaxe internacional de White Ravens da Biblioteca Internacional para a Mocidade de Múnic en 2002.
Un par de anos despois sairía do prelo unha das súas obras para público adulto, Diario da luz e a sombra(Xerais, 2004), onde reflectiu a experiencia da enfermidade que acabaría pouco despois coa súa vida.
No libro Eu conto, ti cantas... (Xerais, 2005), o último que chegou a ver publicado, compila tres historias en verso nas que os animais son protagonistas.
Paixón docente
María Victoria Moreno soubo tamén transmitir a paixón pola lingua e a literatura galegas como profesora, tanto nos cursos semiclandestinos que impartía gratuitamente nos anos 70 en Pontevedra, Vilagarcía de Arousa ou Ourense, que lle supuxeron a retirada do pasaporte en represalia, como nas clases oficiais de Lingua e literatura españolas que deu durante décadas no ensino secundario (xa durante a ditadura, María Victoria Moreno dedicaba os venres parte destas clases a ensinar a literatura galega). Buscaba un método de ensino que lle permitise ao seu alumnado gozar da aprendizaxe e que cambiase as prohibicións, a censura e o medo pola liberdade e os xogos.
Xunto con Xesús Rábade e mais Luís Alonso Girgado publica a mediados dos 80 libros de texto que aínda hoxe son un referente. Froito da necesidade de manuais nun momento en que estas materias se estaban a implantar nos centros, son á vez unha mostra da súa paixón polo ensino. Tamén escribirá outras obras de carácter didáctico, como As linguas de España e Verso e prosa (Xunta de Galicia, 1991).
Tradutora, libreira e editora
A tradución é outro terreo no que María Victoria Moreno realizou achegas destacadas. Anosou obras do catalán como Mecanoscrito da segunda orixe, de Manuel de Pedrolo (Galaxia, 1989), e realizou as traducións ao castelán da antoloxía bilingüe Os novísimos da poesía galega (Akal, 1973).
En 1968 abriu a canda outros intelectuais a libraría Xuntanza de Pontevedra, co fin de promover a literatura e espallar os libros. Nela podíanse atopar, entre outras, obras de Castelao, prohibidas pola censura. No eido editorial, foi codirectora de Árbore, a colección infantil de Galaxia, desde o seu inicio.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)