luns, 24 de decembro de 2012

OPERACIÓN QUILO 2012



A OPERACIÓN QUILO FOI TODO UN ÉXITO. OS ALUMNOS E AS FAMILIAS APORTARON DUCIAS DE PRODUTOS QUE ENTREGAMOS A CÁRITAS VERÍN. MOITAS GRAZAS A TODOS POLA VOSA COLABORACIÓN!

mércores, 12 de decembro de 2012

RecitandoCelsoemilio

Chegou o día. Hoxe  12/12/2012 ás 12.12h todos os alumnos de 3º e 4º recitamos xuntos o poema de Celso Emilio

Deitado frente ao mar
Lingua proletaria do meu pobo, eu fáloa porque si, porque me gosta,
porque me peta e quero e dáme a gana;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque si, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruíns e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os baleiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas decotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

Moi pronto...   o vídeo

xoves, 6 de decembro de 2012

RecitandoCelsoemiliO

Os alumnos de 3º e 4º de ESO do noso Centro vanse sumar á actividade promovida pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística e dirixida a todos os colexios de Galicia.
 O día 12 /12/ 2012 ás 12.00 recitaremos todos xuntos o poema Deitado fronte ao mar de Celso Emilio Ferreiro para renderlle homenaxe ó poeta celanovés, símbolo permanente de valores de solidariedade e xustiza universais, pero tamén de compromiso cívico coa cultura e lingua de Galicia.

Saída cultural 4º ESO

VISITA AO MUPEGA E AO MUSEO DO POBO GALEGO EN SANTIAGO








mércores, 31 de outubro de 2012

UNHA NOVA VIAXE PARA AS MOCHILAS VIAXEIRAS

A vindeira semana comezan a súa viaxe dúas novas mochilas viaxeiras. Visitarán ás casas dos nenos de 2º de Educación Primaria dende o "taller de lectura" do profe Ricardo. Nelas atoparemos un tren moi divertido chamado "María Fumaça" coas súas cantigas en varios idiomas; un fermoso conto bilingüe (galego-inglés); aprenderemos cos Bolechas; veremos a Doraemon coas súas aventuras; e aprendermos a cociñar cos nosos pais... Esperamos que as gocedes en familia!


BOA VIAXE, MOCHILAS!

martes, 30 de outubro de 2012

Benvidos á vosa casa!

Conchita, Javier, Belén, Ángela


Aquí vos presento ós catro futuros profes que están facendo prácticas connosco. Benvidas e benvido ó voso "antigo" cole. Oxalá gocedes coa experiencia!! E...  ánimo porque o noso é un traballo difícil pero marabilloso...

mércores, 24 de outubro de 2012

XA CHEGA O SAMAÍN...


O MARTES 30 E O MÉRCORES 31 no vestíbulo do colexio haberá unha exposición coas "terroríficas" cabazas que están tallando os nosos alumnos de Infantil e Primaria e dos murais realizados polos alumnos de ESO.





Esta semana retoman a súa andaina (despois do éxito colleitado o curso pasado) polos fogares dos alumnos de 4º de primaria as mochilas viaxeiras. A finalidade principal desta actividade é o fomento da lectura en galego no ámbito familiar, así como a difusión de material audiovisual na nosa lingua. As mochilas conteñen lecturas para os nenos, lecturas para os pais, películas para os nenos e os pais, un  CD con contos e un caderno para que as familias poidan facer comentarios, valoracións, suxestións...

venres, 19 de outubro de 2012

OS LIBROS SAEN Ó RECREO

A PARTIRES DO MÉRCORES 17 OUTUBRO
OS LIBROS SAEN Ó RECREO

TODOS OS MÉRCORES ALGÚNS LIBROS DA BIBLIOTECA SAIRÁN Ó PATIO E PODERÁS LEVALOS PRESTADOS