sábado, 17 de decembro de 2011

venres, 16 de decembro de 2011

CONTINUAMOS COA RECOLLIDA DE TAPÓNS

Seguimos recollendo tapóns para axudar a Aitana. Moitas grazas por colaborar!

TORNEO SOLIDARIO

O torneo solidario que fixemos no colexio o pasado día 8 de decembro foi todo un éxito. A implicación dos alumnos, dos pais e dos profesores foi moi importante para que todo saíra tan ben.Grazas a todos os que colaborastes! A recadación TOTAL foi de 1802,50€ . Dese diñeiro entregamos 402,50€ para o DOMUND e 1400€ para Cáritas Verín. Con este diñeiro cumprimos o obxectivo proposto de axudar ós que están máis lonxe, pero tamén ós que están máis cerca.

                                                                                         MÁIS FOTOS

luns, 5 de decembro de 2011

CONTACONTOS


A semana do 14 ó 18 de novembro celebrouse a “Semana da Lectura” no noso colexio. Os alumnos e alumnas de educación infantil realizaron diversas actividades como a elaboración dun marcapáxinas e a dramatización de contos. Tamén puideron asistir na aula de psicomotricidade á representación dun contacontos; alí coñeceron a Martiño, un neno coma eles que lles fixo comprender a importancia de coidar os bens naturais.

                                                   Máis fotos.

mércores, 30 de novembro de 2011

MAGOSTO INFANTIL

O pasado venres 18 de novembro os alumnos e alumnas de educación infantil celebramos a festa do ¨magosto¨ na Veiga de Tintores.
Alí gozamos do contorno paseando polo campo, recollendo leña, facendo lume e, sobre todo,  saboreando un bo xantar acompañado dunhas deliciosas castañas asadas.
                                                            Máis fotos

xoves, 24 de novembro de 2011

EXPOSICIÓN DE FOTORAFÍA DE LEE MILLER

Os alumnos de 4º de ESO tamén viaxaron a Vigo o día 21 de novembro para ver unha exposición fotográfica da extraordinaria e polifacética Lee Miller. Nela recollíanse traballos desde os seus comezos como modelo, pasando polas diferentes fases como fotógrafa: surrealista, de moda e, máis tarde ,como reporteira de guerra. A súa obra reflexa a orixinalidade e a liberdade dunha muller que fixo en cada momento o que lle gustaba facer. 

               "Nun día no que a choiva foi a nosa principal acompañante, os alumnos de 4º de ESO visitamos en Vigo a exposición de Lee Miller, na cal, a través das súas fotografías, fixemos un percorrido curto, pero intenso, pola vida da artista"
                                                                    Esther (4º ESO B)

Coñecer a Laxeiro


O pasado luns 21 de novembro os alumnos de 3º de ESO fixeron unha saída cultural para realizar a actividade didáctica "Coñecer a Laxeiro" na Casa da Artes de Vigo. A educadora, despois de darlles a benvida e facer unha pequena aproximación á exposición, dividiu ós rapaces en dous grupos; un dos grupos dirixiuse a unha sala para levar a cabo un obradoiro, mentres o outro  realizaba unha visita comentada á exposición pictórica do artista. Foron case dúas horas de actividades, que resultaron moi interesantes e amenas, e que nos permitiron coñecer en profundidade a obra dun dos mellores pintores galegos de todos os tempos.

" A viaxe a Vigo estivo moi interesante. Gustoume bastante a forma de pintar de Laxeiro. Un dos cadros que máis me impresionou foi "A vida", sobre todo polo seu parecido co Guernica de Picasso. Tamén o contraste que hai entre as primeiras pinturas máis tétricas, como "A carnavala", e os retratos que fixo na súa época de barbeiro ou os cadros abstractos dos seus últimos anos."                                 Iñigo (3ºESO B)

                                                                                        MÁIS FOTOS

mércores, 23 de novembro de 2011

Recollida de tapóns para axudar a Aitana



Estimadas nais e pais:

            Os alumnos de 4º de ESO do noso colexio acaban de iniciar unha campaña solidaria de recollida de tapóns de plástico para axudar a unha nena de Tarazona (Zaragoza) chamada Aitana García e que naceu cunha cardiopatía conxénita chamada Atresia Pulmunar sin Tronco Pulmonar con Colaterales. Necesita 200.000 euros para operarse en Boston (EEUU). Coa fin de reunir diñeiro para as operacións a familia organiza eventos benéficos, acode a programas de televisión… e tamén recolle tapóns de plástico polos que unha empresa lle paga sobre 300€ por tolenada. Se queredes colaborar enviade ao colexio polos vosos fillos todo tipo de tapóns plásticos  (de botellas de auga, aceites, champús, suavizantes, Nocilla, cafés, Cola Cao…) Podedes obter máis información nas páxinas www.lohacemosporti.es ou www.unasonrisaparaaitana.org

CONFERENCIA DE XOSÉ CARLOS CANEIRO


O xoves 17 de novembro os alumnos de 3º e 4º de ESO asistiron no salón de actos do noso colexio a unha conferencia de Xosé Carlos Caneiro, un articulista que escribe na "Voz", que dá "charlas" aos universitarios ourensáns e que segundo di el, no tempo que lle queda libre é escritor de LITERATURA; si, con maiúsculas, deses que cando o empezas a ler despégate da realidade e transpórtate a outra dimensión. Caneiro contounos que ten un amigo na Coruña que é alpinista e di que o mellor do mundo é a sensación que tes cando chegas ó cumio da montaña despois de superar todas as dificultades que atopaches no camiño. Contounos, tamén, que a lectura dun bo libro é algo semellante. Debemos superar as dificultades iniciais e non abandonar, porque se chegamos ó final, ímonos sentir igual que o seu amigo alpinista: máis fortes e máis sabios.

xoves, 17 de novembro de 2011

AS MOCHILAS VIAXEIRAS


Esta semana tamén comezan a súa andaina polos fogares dos alumnos de 4º de primaria dúas mochilas viaxeiras. A finalidade principal desta actividade é o fomento da lectura en galego no ámbito familiar, así como a difusión de material audiovisual na nosa lingua. As mochilas conteñen lecturas para os nenos, lecturas para os pais, películas para os nenos e os pais, un  CD con contos e un caderno para que as familias poidan facer comentarios, valoracións, suxestións...

                      Aquí tedes a listaxe do material das mochilas.


MOCHILA 1. RELACIÓN DE MATERIAL
PARA OS NENOS:
* Vaite de aí, cara de queixo! Gerónimo Stilton (Conto)
* Os barbanzóns. No solpor da prehistoria. Pepe Carreiro (Cómic)
*Nocturna (Película de debuxos animados)
*Contamoconto 1 (Contos para escoitar)
PARA OS ADULTOS:
*Cincuenta cousas da vida. Castelao (Libro)
*A cociña de LARPEIROS. Benigno Campos (Libro)
*Coser e cantar. Curtametraxe de Rubén Riós.
Caderno para comentarios, suxestións, debuxos, etc...
MOCHILA 2. RELACIÓN DE MATERIAL
PARA OS NENOS:
* O galeón dos gatos piratas. Gerónimo Stilton (Conto)
* Os barbanzóns. A noite das cacharelas. Pepe Carreiro (Cómic)
* Pérez, o ratiño dos teus soños. (Película de debuxos animados)
* Contamoconto 2  (Contos para escoitar)
PARA OS ADULTOS:
*Cincuenta cousas da vida. Castelao (Libro)
*Novas receitas da cociña de LARPEIROS. Benigno Campos (Libro)
*Adeus Edrada? Curtametraxe de Rubén Riós.
Caderno para comentarios, suxestións, debuxos, etc...
Que o pasedes moi ben en familia!
Equipo de Dinamización Lingüística  MARÍA INMACULADA VERÍN

mércores, 16 de novembro de 2011

DESCUBRE A NOSA LITERATURA

Se dás unha volta polos corredores do noso centro poderás atopar anacos dos mellores textos da literatura galega escollidos polos alumnos de 3º e 4º de ESO. Rosalía, Cabanillas, Castelao, Otero, Risco, Manuel Antonio, Celso Emilio Ferreiro, Carlos Casares, Blanco Amor, Neira Vilas, Manolo Rivas... NON FALTA NINGUÉN!



TAMPOUCO PODES FALTAR TI!
DESCUBRE A NOSA LITERATURA


APÚNTATE AO "VAI E VÉN"


Esta semana puxemos en marcha unha nova actividade con motivo da Semana da Lectura que estamos a celebrar no noso centro. Denomínase "Apúntate ao vai e vén". Consiste nun intercambio libre de libros. Temos dúas mesas con varios libros. Se a un alumno lle interesa
 algún deles, pode levalo coa única condición de deixar outro a cambio. A actividade está resultando todo un éxito.
                                    Anímate a probar!