xoves, 11 de maio de 2017

MALETAS VIAXEIRAS / BANDA DESEÑADA


Esta actividade, dirixida aos alumnos de ESO, foi organizada desde o Equipo da Biblioteca Escolar e o EDL e ten como obxectivo fundamental o estimular a lectura de cómics de calidade entre os alumnos de secundaria do centro, converténdoo no xénero literario protagonista durante os quince días que a maleta (prestada desde a Consellería de Educación)  estea nas nosas mans.
            “ E velaquí o decisivo dos cómics, o ser un medio narrativo, o servir para contar historias. O que o distingue dos outros medios cos que está emparentado é o contalas dun xeito peculiar e propio, empregando unha linguaxe e uns códigos específicos, e que se basea nunha síntese de linguaxes verbal e icónica.” 
Agustín Fernández Paz









"Se ti les, eles len"

 Como ben sabedes o noso Colexio é un dos dez centros concertados de Galicia que conseguiu entrar no PLAMBE (Plan de mellora de bibliotecas escolares) que promove a Xunta de Galicia e no que tamén están incluídos 605 públicos.
Unha das accións que consideramos prioritarias no noso proxecto de Biblioteca escolar é a implicación das familias na formación de persoas lectoras, por iso ademais das “mochilas viaxeiras” (e coa colaboración do Equipo de Dinamización Lingüística) tamén decidimos crear este espazo no que teredes á vosa disposición material da biblioteca para que poidades facer uso del nas vosas visitas ó centro.

Esperamos que esta iniciativa sexa do voso agrado e lembrade o lema da actividade: “SE TI LES, ELES LEN”