sábado, 16 de maio de 2020

AS PALABRAS QUE MÁIS NOS GUSTAN DO GALEGO


Desta volta,  e para celebrar o Día das Letras Galegas, queremos  ser os profesores os que vos digamos cales son as palabras galegas que máis nos gustan. Xa vedes que hai un pouquiño de todo (substantivos, adxectivos, verbos e ata unha preposición). Elixidas pola súa sonoridade, ou ben polo poder evocador do seu significado, recollen todas elas a esencia do galego, xa que como di o himno das Irmandades da Fala creado por Manuel Lugrís: “Na fala galega vive a ialma da nosa terra”.

Coñeces o significado de todas elas?

As palabras máis repetidas foron: bolboreta, morriña e axóuxere.
O axóuxere é un obxecto sonoro que serve para entreter aos cativos. A propia palabra xa nos evoca o son que produce. 
E a morriña?- "sentimento e estado de ánimo melancólico e depresivo, en particular o causado pola nostalxia da terra".  Esta palabra sempre está asociada ó pobo galego quizais porque desde sempre fomos un pobo emigrante. Podémola relacionar con saudade,ese sentimento de perda ou nostalxia por algo vivido e que Rosalía expresaba tan ben nos seus poemas. Tamén se di que os galegos temos moita retranca (esa habilidade para falar con segundas intencións). Malia ( a pesar de ) estas calidades, tamén somos xente chea de ledicia  e moi agarimosa.
A paisaxe e a natureza achégannos palabras tan fermosas como póutiga (apóutega) que dá nome  a unha especie de planta parásita que é polinizada polas formigas e que ten como nome científico  Cytinus hypocistis. En galego existen numerosos nomes comúns para denominar a esta planta.

E mazacuca  (bugallo) que é unha reacción de defensa das árbores fronte a determinados insectos que depositan os seus ovos baixo a casca dos gromos novos dos carballos.

E se imos dar un paseo polo monte (moito coidao cos toxos) tamén podemos quedar abraiados polos rechouchíos (chío continuado)dos paxaros ou se vemos un vagalume ou un sapoconcho. Non tropeces cun pelouro (que, curiosamente, pode significar "pedra pequena e arredondada" ou "pedra grande").
E mentres chove miudiño ou caen unhas folerpas de neve, se es un fervellasverzas, é dicir, unha persoa que non para quieta, sempre podes dar pinchacarneiros polos prados, aínda que ao día seguinte teñas maniotas (dor que se sente nalgunha parte do corpo a causa do exercicio físico violento ou prolongado, pasado un certo tempo desde a realización deste)

Botamos a áncora, recollemos as ferramentas , subímolas nun guindastre e imos rematando confiados en que esta entrada do noso blog non che parecera unha trapallada.

BICOS


Vaia, vaia... deixaremos o ENTOIDO para outro día

Ningún comentario:

Publicar un comentario